O Concello de Bueu organiza rutas e obradoiros para unha Semana Santa activa
- Silvia Carballo, concelleira de turismo, salienta que “apostamos por actividades sostibles de posta en valor do noso patrimonio natural e cultural e destinadas tanto á veciñanza como ás persoas que nos visiten”
- Todas as actividades son de balde aínda que é precisa inscrición previa na web municipal, no teléfono 986390029 (ext. 2), ou de forma presencial no Concello
O Concello de Bueu, a través da concellaría de turismo, pon en marcha un programa de actividades co obxectivo de ofrecer alternativas de lecer para unha Semana Santa activa. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, presentou este venres as propostas, e apuntou que “apostamos por actividades sostibles de posta en valor do noso patrimonio natural e cultural e destinadas tanto á veciñanza como ás persoas que nos visiten”. A edil nacionalista insiste en que “este ano xa toca retomar a vida normal e por iso recuperamos este programa para todas as idades”.
As persoas adultas poderán coñecer mellor a contorna e a vila de Bueu a través das rutas de sendeirismo programadas para o 14, 15 e 16 de abril. Baixo o lema de “Bueu e o seus segredos”, o xoves 14 arrancará dende o Centro de Interpretación de Agrelo un percorrido ata Mourisca ás 10 horas da mañá; mentres, o sábado 16, a ruta guiada será polo sendeiro circular de Cabo Udra con saída dende a Aula da Natureza do lugar á mesma hora. As dúas camiñadas son de dificultade media e teñen unha duración de tres horas, polo que os e as participantes deberán traer calzado e roupa cómoda, ademais de auga e froita. E para o horario vespertino, o venres desenvolverase “E ti de quen ves sendo?”, unha ruta urbana nocturna que propón un percorrido polar rúas de Bueu botando unha ollada ás orixes e tradicións da vila, e na que, segundo Carballo, “descubriremos moitos datos curiosos”. Neste caso, a saída será ás 19 horas dende a Oficina de Turismo de Bueu, situada na Sala Domínguez Búa.
E para a cativada programaranse obradoiros infantís con actividades de lecer na contorna da piscina municipal das Lagoas, que se desenvolverán o 12 e o 14 de abril a partir das 10 horas, e nos que poderán participar nenos e nenas de 3 a 12 anos. Neles contarase con persoal especializado en necesidades especiais, pois dende o goberno local apóstase pola inclusión de todas as persoas como xa se fixo no Entroido. Tamén aos máis pequenos e pequenas vai destinado o obradoiro medioambiental que terá lugar o sábado 16 ás seis da tarde na contorna de Cabo Udra, aínda que se chove se trasladará á Aula da Natureza.
Para todas as actividades é necesaria inscrición previa a través dun formulario na páxina web municipal, no teléfono 986390029 (ext. 2), ou de forma presencial no 2º andar do Concello de Bueu.