O alcalde visitou as obras de mellora dos baños no Ceip A Pedra
- A actuación, financiada pola Xunta de Galicia, permitiu a reforma dos aseos do primeiro e segundo andar do centro educativo
- O Concello acometeu recentemente mellora exterior do edificio, que consistiu na eliminación das humidades e no pintado
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e ensino, participaron este venres na visita ás obras de mellora integral que se acometeron por parte da Xunta de Galicia nos baños do CEIP Plurilingüe A Pedra infantil. No acto tamén estiveron presentes Luis López, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, César A. Pérez, xefe territorial de educación, Luísa Vidal, directora do centro, Elena Estévez, voceira do PP, ademais de membros da directiva do centro e da asociación de nais e pais.
Segundo destacou o delegado, as obras consistiron na mellora e reforma dos baños do primeiro e segundo andar do centro infantil, nos que se renovou a fontanería e mobiliario, cun investimento de preto de 48.000 euros. A estas obras súmanse as que se acometeron recentemente no CEIP Plurilingüe Montemogos que permitiron a instalación dun ascensor valorado en 40.000 euros.
Pola súa banda, o Concello, que se encarga dos labores de mantemento dos centros de ensino primario, acometeu recentemente neste colexio unha mellora do exterior do edificio, que consistiu na eliminación das humidades e no pintado cun acabado acorde aos novos tempos, na que se investiron 12.000 euros. Isto súmase á colaboración económica que o Concello mantén coa ANPA para o funcionamento do servizo de comedor escolar, que o ano pasado supuxo unha achega de preto de 5000 euros.