Comeza a substitución de contedores da Mancomunidade de Concellos do Morrazo
Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, fixo este xoves pola mañá unha comprobación persoal da substitución de contedores que se está levando a cabo pola comarca. Coa colaboración da Xerente da Mancomunidade e da empresa encargada do servizo de recollida do lixo, comezaron a colocarse os 250 contedores adquiridos nun primeiro lote, que son de carga traseira e para unha capacidade de 800 litros.
Así mesmo, proximamente chegará un novo lote composto de 130 colectores de carga lateral que tamén se incorporarán nas zonas que se precisen. Con iso, Félix Juncal salienta que “agardamos ir cubrindo todas as áreas nas que os contedores se atopan en mal estado, tanto con este subministro como con outros posteriores que iremos programando”.