O Concello de Bueu ultima a convocatoria de axudas para sectores afectados pola Covid-19
- Unha vez que a Deputación de Pontevedra aprobe as bases, estas publicaranse no BOPPO e a concesión de axudas será por orde de inscrición
- En total repartiranse 152.408,72 euros o comercio, a hostalaría, o ocio nocturno, o ocio infantil, as axencias de viaxes, os ximnasios, os servizos fotográficos, ensino e comercio ambulante.
O Concello de Bueu aprobou a semana pasada as bases que rexerán a convocatoria da liña de axudas a sectores afectados pola Covid-19, enmarcada dentro da Liña 2 do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, e na que se repartirán un total de 152.408,72 euros.
Actualmente, o organismo provincial deberá aprobar as bases e o financiamento desta liña de axudas e será nese momento cando se realice a convocatoria pública, e as solicitudes poderanse presentar a partir da publicación do extracto do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
Esta liña de axudas vai dirixida a diferentes sectores, entre os que están o comercio, a hostalaría, o ocio nocturno, o ocio infantil, as axencias de viaxes, os ximnasios, os servizos fotográficos, ensino, transporte, servizos persoais, asistencia e servizo sociais e comercio ambulante.
Segundo se avanza dende a concellaría de promoción económica e turismo, dirixida por Silvia Carballo, a concesión de axudas realizarase por orde de solicitude de entrada ata esgotar o crédito dispoñible. Ademais establécense distintos importes de subvención en función da situación dos establecementos: haberá unha contía para actividades que pecharan (800 euros se teñen un establecemento, e 1000 euros se teñen dous máis), e outra para os que tivesen baixada de facturación (600 euros para un establecemento, e 800 euros para dous ou máis).
A concelleira destaca que “estas axudas directas súmanse ás do bono “Bueu Consume Local” que puxemos en marcha este mes e do que se beneficiaron unha cincuentena de establecementos”.
As bases publicaranse no Taboleiro da Sede Electrónica do Concello de Bueu e na web municipal, no momento no que se abra esta convocatoria.