O Concello de Bueu presentou ante a cidadanía o proxecto da nova biblioteca «que suporá un antes e un despois»
- O alcalde e o concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, salientaron que esta actuación levaba moitos anos do goberno local e que por fin vai ser unha realidade no 2023 cando deberá estar culminada
- A actuación, cun orzamento de 919.559 euros, acometerase no marco da subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra e consistirá na transformación deste espazo tanto a nivel arquitectónico como de servizos
O Concello de Bueu organizou este sábado, 18 de decembro, a presentación do proxecto da nova biblioteca da vila, que “suporá un antes e un despois”, segundo salientou o alcalde, Félix Juncal, diante dunha trintena de persoas que quixeron coñecer de primeira man como será a mellora desta infraestrutura cultural situada no corazón do Parque Ramal dos Galos, e que se licitará a comezos do próximo ano.
Dado o interese social, dende o executivo local programaron este acto co obxectivo de que a veciñanza coñecese un proxecto no que se contou con ela xa dende o comezo a través dun proceso previo de participación cidadá, tal e como apuntou Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas. Esta actuación, valorada en 919.559 euros, vaise levar a cabo cunha subvención do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, cun importe de 687.419 euros, o que supón máis do 80 % para unhas obras que deberán estar concluídas antes de abril do 2023.
Os arquitectos redactores do proxecto, Manuel Chapela e Ricardo Morales, foron os encargados de explicar os aspectos máis técnicos desta ambiciosa actuación, que se adaptará ás esixencias dunha biblioteca do século XXI e que buscará adaptarse aos novos tempos nos seus usos e servizos, e coa que ademais se resolverán as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.
Tal e como se explicou no acto, a intervención servirá para ampliar o edificio actual, ao que se engadirá unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, e que permitirá trasladar o Arquivo Municipal, que actualmente se atopa en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa mantería as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para solventar os problemas de mobilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.
A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica), de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos). Segundo finalizou o rexedor “queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural”, e de aí que o goberno leve traballando na idea da mellora das instalacións moitos anos, e que se madurou nos dous últimos. Juncal explicitou a xénese do proxecto actual en dúas datas fundamentais relacionadas coa inauguración das novas bibliotecas dos centros educativos de A Pedra e Torre-Cela, “nas que participei a comezos de 2019 e 2020 respectivamente e que serviron de inspiración para o que será a nova biblioteca de Bueu”.