O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para a segunda fase do Estaleiro da Banda do Río
- As obras, valoradas en 112.138,45 €, vanse levar a cabo con cargo ás subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación e consisten no remate da instalación e na súa musealización
- Félix Juncal, alcalde da vila, salienta o compromiso deste goberno “pola protección, conservación e valorización do patrimonio cultural material e inmaterial”
O Concello de Bueu ten aberto o prazo de licitación para as obras de rehabilitación da segunda fase do Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como “Purro”, que consisten na musealización da infraestrutura e que permitirán culminar a posta en valor da considerada como última carpintería de ribeira da ría de Pontevedra. O proxecto, que conta cun orzamento de 112.138,45 euros, acometerase con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación, e as empresas interesadas en participar dispoñen de prazo ata o 23 de novembro.
Félix Juncal, alcalde da vila, apunta que “este expediente se atrasou máis do que nos gustaría, porque cando iamos licitar esta obra, decatámonos de que non nos enviaran a autorización pertinente de Costas, a pesar de tela solicitado en diversas ocasións”. Tras varias chamadas e xestións, e coa autorización xa na man, o Concello agarda acometer proximamente os traballos de musealización, que complementarán á rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación “de alto valor patrimonial”.
Toda a información sobre o procedemento de licitación pode consultarse na Plataforma de Licitación do Estado, con ligazón dende a web municipal.