O Concello aproba inicialmente os Orzamentos Xerais do 2021
- A proposta saíu adiante cos votos favorables do grupo de goberno, conformado por BNG e ACB, e en contra do PP
- O orzamento supera os seis millóns de euros tanto na parte de gastos como na de ingresos
A corporación municipal de Bueu celebrou este martes pola mañá unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobaron inicialmente os Orzamentos Xerais do Concello correspondentes ao ano 2021, unha proposta que contou cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB), en contra do PP e a ausencia do PSOE.
Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “estes son os primeiros orzamentos que se aproban sen débeda financeira, o que demostra que o traballo progresivo que levamos a cabo nos últimos anos permita avances nun modelo de Concello do que nos sentimos orgullosos e orgullosas”. Elena Estévez, voceira do PP, recriminoulle ao goberno local que “un documento tan importante se traia xusto cando está a piques de rematar o ano, o que demostra falta de previsión”, contra o que Juncal apuntou que se trata dunhas contas realistas e axustadas á situación que estamos a vivir. A iso habería que sumar que “nos últimos tempos, e cada vez máis, os concellos temos que asumir servizos e obras que lle corresponden á Xunta de Galicia, como son os servizos sociais, as obras nos centros educativos ou no Centro de Saúde, e todo o que supuxo a pandemia”.
O orzamento ascende a 6.575.000 € no capítulo de gastos, e 6.623.301 € na parte de ingresos. Así, nos gastos inclúense persoal, compras correntes de bens e servizos, intereses, transferencias correntes, investimentos reais, transferencias de capital, pasivos financeiros, e amortización de préstamos. Mentres, na parte de ingresos atópanse diversos impostos e taxas municipais, así como subvencións doutras administracións como a Xunta de Galicia ou a Deputación de Pontevedra. Polo tanto, e segundo remarcou o alcalde, “estes orzamentos son bos e os necesarios para Bueu, pois reflicten un incremento das políticas sociais para a cidadanía”.
Por outra banda, este pleno tamén serviu para aprobar a conta xeral do ano 2020 e os festivos locais do próximo ano que, como vén sendo habitual, serán o 16 de xullo, festividade do Carme, e o 11 de novembro, coincidindo con San Martiño.
A sesión plenaria está dispoñible na canle de YouTube municipal.