O alcalde visitou as obras que a Xunta de Galicia está acometendo no TCA da PO-551
- Félix Juncal supervisou este mércores a actuación, xunto á conselleira de infraestruturas, quen salientou que as obras quedarán rematadas neste mes
- Juncal agradeceu a “receptividade e compromiso” da conselleira para recoller moitas das peticións do goberno local de cara á mellora do proxecto técnico
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ethel Vázquel, conselleira de infraestruturas e mobilidade, visitaron este mércores, 4 de agosto, as obras de mellora do Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) que a Xunta de Galicia está levando a cabo na estrada PO-551, concretamente nos puntos quilométricos 7+800 a 8+800, e que quedarán rematadas este mes, logo dun investimento de 1,1 millón de euros. Neste sentido, Juncal reiterou a “receptividade e compromiso” da conselleira para recoller moitas das peticións do goberno local na mellora deste proxecto e doutros a prol da aposta pola seguridade viaria e peonil.
Os traballos xa roldan o 90% da execución total, pois xa se estendeu a capa de aglomerado e se actuou nos pasos de peóns. Só resta por instalar os semáforos e o equipamento intelixente nos pasos peonís, a iluminación nas glorietas e a sinalización.
A intervención consistiu na execución dunha senda de 200 metros, pola marxe dereita da vía, que lle dá continuidade á construída entre Vilaseca e Lapamán, en Marín.
Tamén se habilitaron dúas novas glorietas, que están funcionando desde mediados de xuño, unha delas, a de Lapamán, facilitando o acceso á praia. Ademais, mellorouse a conexión peonil coa vía de baixada á praia e dispuxéronse quince prazas de aparcadoiro.
A segunda rotonda, a de Castrelo, sitúase no acceso aos areais de Portomaior e Agrelo, para facilitar os xiros en condicións máis seguras.
O proxecto tamén recolleu o reforzo da seguridade viaria das paradas de autobús e as de catro pasos de peóns, incorporando, para iso, sinalización luminosa específica, que se activa ao paso das persoas. Tamén se realizaron actuacións complementarias como o aumento do ancho das beiravías, a redución da velocidade a 50 km/h, a colocación de captafaros ou de marcas viarias rugosas nos bordos da estrada.
Por outra parte, Ethel Vázquez destacou que as obras da senda peonil entre Trasouto e o Alto da Portela, cun investimento autonómico de 643.000 euros, continúan avanzando nesta mesma estrada, na PO-551.
A responsable de Infraestruturas engadiu novas intervencións para esta área, como o proxecto que se está a redactar para dar continuidade ás beirarrúas na estrada PO-315, entre Beluso e A Achadiza. A intervención require de expropiacións, polo que se agarda sometelo a información pública este outono.
Tamén se referiu á nova glorieta na estrada PO-551, para mellorar a entrada ao polígono, intervención que debe ser coordinada coa senda de Trasouto. A previsión é someter o proxecto a información pública en vindeiras semanas.