Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O SonRías, un festival respectuoso co medio ambiente

Este luns, 2 de agosto, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, visitaron os traballos de montaxe do escenario Xacobeo 21-22 e do dispositivo ambiental do SonRías Baixas 2021 no Recinto Multiusos da Estacada, no marco da colaboración que establece a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a prol da sostibilidade dos eventos que forman parte do programa Fest Galicia. Durante o percorrido, Jordi Lauren e Berta Domínguez, directores do ciclo, presentaron as claves da proposta e salientaron o compromiso de SonRías co coidado da contorna e coa consecución dos ODS como parte do Pacto Cultura Sustentable, do que forman parte 27 festivais de cinema e música de Galicia. Así mesmo, dende o Concello avanzouse que se instalará un composteiro para potenciar esta forma de reciclaxe da materia orgánica.
O acto tamén contou coa asistencia da Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, do Delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, da coordinadora do Pacto de Cultura Sustentable, María Barqueiro, do concelleiro de medio ambiente, Xosé Leal, ademais de edís do PP local.

Esta nova edición do SonRías Baixas, unha das citas musicais imprescindibles do verán en Galicia, encherá de enerxía, diversión e contundencia o Recinto Multiusos da Estacada de Bueu durante seis días, coas actuacións de Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa. O festival adáptase ao contexto sociosanitario da Covid-19, de aí que se transforme nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías.


Para máis información sobre o dispositivo protocolo covid-19, aprobado polo Sergas, cuestións vinculadas ao método de pago cashless ou calquera información puntual sobre horarios e accesos ao recinto de concertos, o público ten á súa disposición a páxina web oficial do festival, www.sonriasbaixas.info.