O Concello adquiriu unha furgoneta con remolque para a brigada de obras e servizos
A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu vén de recibir unha nova furgoneta con remolque, que se mercou con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, e que permitirá que a frota de vehículos municipal se incremente. Precisamente, este martes, Félix Juncal, alcalde de Bueu, recolleu as chaves do novo vehículo xunto a Álvaro Otero, capataz de obras e servizos, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal.
A furgoneta, valorada en 26.064,63 €, IVE engadido, foi adquirida a Galmotor Comercial del Automóvil SL, despois da tramitación do correspondente proceso de licitación. Tal e como avanza o alcalde, esta furgoneta permitirá que o fontaneiro, electricista, xardineiro, peóns oficiais e persoal de limpeza viaria conten cun vehículo amplo, ao tempo que tamén serviría para o transporte de pequeno material necesario para acometer diversas obras.
O obxectivo do goberno municipal é dotar á brigada de obras e servizos de máis vehículos, e de cara ao próximo ano é probable que se volva licitar o subministro dun camión baldeador e dun camión con brazo grúa, dado que este ano a eses lotes non se presentou ningunha empresa. Estes vehículos sumaríanse á máquina varredora, que xa se adquiriu con cargo a axudas da Deputación hai catro anos.