A Brigada de Obras e Servizos continúa co plan de limpeza en Beluso
O Concello de Bueu continúa co plan de limpeza de espazos públicos e viais municipais. Esta semana, a brigada de obras e servizos comezou cos traballos de roza e posta a punto na Recta do Peón, na parroquia de Beluso, e nos próximos días avanzarase polos lugares próximos e nas inmediacións das praias da contorna.
Tras o arranque da tempada nalgúns lugares de Cela e do casco urbano, a brigada de obras e servizos acomete estes días a limpeza de Sanamedio, tanto na contorna da capela coma no parque infantil, e tamén no aparcadoiro da Rúa Nova, xusto no centro de Beluso. Ademais, coa combinación de medios manuais e técnicos, estase levando a cabo a limpeza exhaustiva das beirarrúas da PO-315, empregando un método similar ao empregado na PO-551, entre Trasouto e Cela.
Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, apunta que “pouco a pouco iremos avanzando no plan na posta a punto dos diversos lugares das tres parroquias, e reforzaremos a limpeza de espazos públicos municipais que nesta época do ano incrementan a súa utilización, coma os parques e as praias”.