O Concello de Bueu apoia que #ARoupaNonTenXénero nun acto organizado polo IES Johán Carballeira
- O alcalde e membros do goberno local participaron este martes, 4 de maio, nun acto de reivindicación da identidade de xénero e da liberdade de expresión organizado nas rúas A Pedra e Staffan Mörling
- Juncal salientou que “a mocidade sempre nos transmite que realmente hai persoas que veñen detrás nosa que intentan cambiar a sociedade patriarcal”
“A roupa non ten xénero” é o nome dun proxecto de reivindicación da identidade de xénero e da liberdade de expresión promovido dende o IES Johán Carballeira, que hoxe pechou un ano de actividades cun acto levado ás rúas A Pedra e Staffan Mörling, no que participaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e os concelleiros/as Xosé Leal, Ana Isabel Otero, e Silvia Carballo, así como os centros educativos da contorna, caso do IES Illa de Ons e o CEIP Plurilingüe A Pedra. As persoas asistentes vestiron saias co obxectivo de defender o dereito de todas as persoas a ser quen queiran ser e a manifestarse libremente. O alumnado foi o protagonista deste acto, no que deron lectura a un manifesto con proclamas como “queremos rúas de cores”, “defendamos a liberdade e a diversidade no mundo”, “non permitades que ninguén vos xulgue por ser vós mesmas”, e “non deixemos que nos limiten a nosa forma de vivir”. Ademais, Antía Novas, unha rapaza do IES Johán Carballeira emocionou ao público coa lectura dun texto no que comparou ás persoas cos libros, defendendo que “todas temos o dereito a que nos dean a oportunidade de coñecernos interiormente, sen xulgarnos pola portada”.
O alcalde mostrou a súa esperanza porque “a mocidade sempre nos transmite que realmente hai persoas que veñen detrás nosa e que intentan cambiar a sociedade patriarcal, e que loitan por un mundo máis xusto dende a transgresión e o inconformismo”.
O proxecto naceu da man do profesor Miguel Quiroga e das alumnas Iria Estévez Juncal, Lía Menduíña Otero, Sámella Clara Onorato de Moura e Paula Montejano Otero, coma un movemento de apoio á agresión sufrida o 27 de outubro de 2020 por Mikel, un alumno bilbaíno que decidiu acudir ao centro en saia. Tal e como salientan dende o equipo do IES Johán Carballeira “coordinámonos para manter esa reivindicación viva e prolongala no tempo; é por iso que o día 4 de cada mes convocamos a alumnado e profesorado a acudir ao centro en saia como sinal de reivindicación da liberdade de expresión das persoas e manifestando que a roupa non ten xénero”.
A primeira edición, correspondente ao día 4 de novembro do pasado ano, tivo moi boa acollida no centro e contou con moita participación, tanto de alumnado como de profesorado, motivo polo cal se decidiu continuala no tempo e convertela nun acto de centro, nun día para visibilizar e reivindicar a igualdade e o respecto, e tamén para tentar eliminar os estereotipos asociados ao xénero. Neste tempo organizáronse diversas actividades que buscan reivindicar a identidade de xénero, como “Constrúe o teu avatar”, “Reflexiona con Alex sobre o que che gusta”, “Canto sabes sobre diversidade de xénero?” e infografías sobre xénero non binario e diferenza sexo / xénero, que tamén se puideron ver durante a mañá de hoxe. Así mesmo, o alumnado utilizou xices para deixar nas rúas mensaxes como “Esquece as regras, se che gusta úsao”, “A roupa non ten xénero. Só é un pedazo de tea”, “Nada ten xénero. Nada é home. Nada é muller” ou “Eu teño os meus gustos” entre outros.