Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Preto de dúas mil reservas pasaron xa pola piscina municipal nos primeiros quince días

O número de persoas usuarias ascendeu a 519, con algo máis do cincuenta por cento de mulleres e xente de tódalas idades gozando do vaso

Estes primeiros tres meses o acceso á piscina é reducido e gratuíto, para o que se solicitou subvención á Deputación de Pontevedra dentro da liña 2 do Plan Concellos 2021.

Os primeiros datos de asistencia á piscina municipal veñen a demostrar para o goberno local que a súa aposta por esta instalación conta cunha excelente aceptación por parte da veciñanza con 1.947 baños no vaso. Tendo en conta ademais que estamos nun período de limitacións en canto á capacidade por mor da Covid-19, os responsábeis municipais destacan o
bo comportamento das persoas usuarias que están a atender a tódalas indicacións con respecto ás medidas de seguridade establecidas desde a Consellería de Sanidade para instalacións deste tipo.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ricardo Verde, concelleiro de deportes, son conscientes de que falta poñer en funcionamento unha parte moi importante das instalacións como son as salas de actividades e musculación, cuns trámites que xa se están a levar a cabo desde os departamentos municipais. Aínda así valoran moi positivamente os comentarios das persoas usuarias que xa visitaron a piscina para empregar o vaso e que incluso están propoñendo ideas que están a ser recollidas polo persoal que atende o centro. Inciden en que en canto se amplien horarios e servizos medrará moito máis a demanda, e estase a valorar a realización dalgunha actividade puntual co persoal municipal nas instalacións en canto a normativa permita unha maior capacidade nas sesións.
No referido aos datos, cabe destacar que un total de 1.040 mulleres xa se deron un baño nas instalacións fronte a 921 homes, con adultos e cativada de todas as idades que demostran que a actividade de nadar é un excelente hábito que conxuga saúde e deporte que ten moita aceptación en Bueu, con perspectiva de ir incrementando nas vindeiras semanas. Precisamente, da primeira á segunda semana mantívose o nivel de asistencia, e tanto de mañá como de tarde os datos están a ser parellos, cunha lixeira maior asistencia no horario de tarde.
A medida do goberno local de apostar pola gratuidade nestes tres primeiros meses para dar a coñecer a instalación cun horario reducido está a ser moi positiva. Cabe lembrar que actualmente, e ata o mes de xuño, pódese reservar na piscina de luns a venres de 10 a 13 horas e de 17 a 21 horas, e os sábados de 10 a 13 horas, chamando ao télefono 986 138 689 e no correo
piscina@concellodebueu.gal.


Animar a máis xente
O alcalde Félix Juncal valora moi positivamente os datos e anima a máis persoas a que aproveiten estes meses para a primeira toma de contacto coa piscina. Incide Juncal que estase a ver nestas semanas que moita xente que antes ía ás piscinas doutras vilas pode agora facelo en Bueu, «co que estamos a dar un servizo que axuda tamén á conciliación familiar, a mellorar a mobilidade e incluso a permitir que menores de idade non estean condicionados a que unha persoa adulta os desprace ou a estar pendentes dun transporte público que non conecta directamente con estas instalacións como sucede en Bueu onde se pode chegar co transporte público desde outras vilas ata escasos metros da piscina».