Deportes reparte 40.000 euros en axudas entre os seis clubs que concurriron ás dúas liñas de subvencións para o 2019
A partida incrementouse con respecto ao ano anterior en 10.500 euros, incluíndo unha partida para desprazamentos fóra de Galiza de 5.000 euros.
No que respecta á liña ordinaria establecida nos últimos anos, o reparto resolto hoxe supuxo que o Bueu Atlético Balonmán obteña 11.505,41 euros, 4.243,06 euros máis que no 2018; ao Club do Mar Bueu correspóndenlle 10.923,48 euros, cun incremento de 4.792 euros; a Agrupación deportiva Fútbol Sala Bueu recibe 4.830,73 euros, cunha suba de 916,83 euros; a Cultural Deportiva Beluso leva 4.718,55 euros, subindo 1.836,7 euros; a Escola de Fútbol Base Beluso suma 2.166,46 con 1.084,17 euros máis que no 2018; e o Club Corredoiras acada 855,37 euros que supoñen 316,44 a maiores que o pasado exercicio.
A nova creación dunha liña para sufragar os desprazamentos que puideran ter os club fóra do territorio galego e que tiña unha dotación de 5.000 euros tan só contou coa proposta do Bueu Atlético Balonmán que percibe a totalidade dos fondos en base ás súas viaxes para competir nas Illas Canarias.
O responsable de Deportes, Ricar Verde destaca unha vez máis o compromiso do goberno local co deporte de Bueu, que ademais de poder contar con estas axudas ten tamén na cesión das instalacións municipais outro dos seus principais eixos. Tamén, e pese ao menor número de clubs que foron beneficiarios de subvencións nesta cita quixo poñer en valor o gran traballo técnico da axente de emprego local. Esta traballadora foi un apoio constante aos colectivos para a presentación das propostas, nunhas datas nas que a pandemia da Covid-19 fai que se multiplique a tramitación de múltiples axudas e no que cobra máis relevancia se cabe a adaptación ás tramitacións de xeito electrónico, obrigatorias por lei desde hai varios anos.
Na propia comisión o seu presidente, o vicealcalde e concelleiro de Facenda Xulio Villanueva e o representante do Bng Xosé Leal, remarcaron ante os representantes de PP e Psoe, Jesús Piedras e Jose Vilas que o goberno xa traballa na proposta de 2020, na cal se estudarán posibles modificacións derivadas da pandemia do Covid-19 e da súa influencia nas competicións deportivas do pasado ano. Unha cuestión na cal o goberno decidirá unha vez escoite aos clubs deportivos que serán citados para unha xuntanza telemática en vindeiras datas.
As próximas liñas que se fallarán serán as culturais que como o pasado ano repartirán un total 30.000 euros, con 25.000 euros para actividades e 5.000 euros para o funcionamento de escolas de música e baile. Un total de 16 propostas están sendo valoradas pola axente de emprego local.