Os Reis Magos recibirán este martes á rapazada de Bueu no Estaleiro da Banda do Río
- Debido ás especiais restricións establecidas por mor da Covid-19 na vila, este ano non haberá chegada das súas maxestades en embarcacións tradicionais nin posterior cabalgata que se celebraba pola tarde
O Concello de Bueu organiza este martes, 5 de xaneiro, un día especial para a cativada. Os Reis Magos recibirán aos pequenos e pequenas no Estaleiro da Banda do Río entre as 11.00 e as 13.30 horas, e entre as 15.00 e as 16.30 horas. Segundo salienta Xosé Leal, concelleiro de cultura, este ano non terá lugar nin a chegada dos reis en embarcacións tradicionais nin a posterior cabalgata que se celebraba pola tarde, dado que Bueu se atopa en estado de alerta máxima por Covid-19.
O Estaleiro xa loce hoxe de gala para a celebración desta data, que contará con todas as medidas de seguridade e hixiene para evitar aglomeracións. Así mesmo, para os nenos e nenas que non poidan asistir, o Concello pon a disposición un modelo de carta que se poderá cubrir e enviar ao enderezo electrónico reismagos@concellodebueu.gal.
O Concello de Bueu tivo que adaptar este ano toda a programación de Nadal ás restricións establecidas polas autoridades sanitarias ao aumentar exponencialmente o número de casos activos por Covid-19. Pero iso non impediu que a ilusión destas datas se levase ás casas da veciñanza a través de iniciativas como o vídeo ‘ReAcende o Nadal’, que se realizou para promover a compra no comercio local, ou as badaladas virtuais para a cativada e adultos que se transmitiron en directo na canle de Youtube municipal, onde aínda se poden ver. Así mesmo, tanto o Papá Noel como o Apalpador visitaron á rapazada no Estaleiro da Banda do Río, o 24 e 25 de decembro respectivamente.