O Concello de Bueu entra en nivel de alerta máxima por Covid-19 e o grupo de goberno apela á ‘responsabilidade e solidariedade cidadá’
Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantivo este mércores ao mediodía unha reunión telemática con responsables da Consellería de Sanidade na que se valorou a evolución epidemiolóxica da Covid-19, despois de que se comunicase que o municipio se atopa en nivel de alerta máxima. Isto significa que a partir deste xoves ás 00.00 horas, as veciñas e veciños de Bueu non poderán entrar nin saír da vila agás en casos estritamente necesarios e xustificados. Así mesmo, prodúcense algunhas modificacións en canto ás reunións sociais e funcionamento dalgúns sectores produtivos. Neste sentido limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, agás no caso de persoas convivintes en que non se aplicará esta limitación.
Ademais, os establecementos de hostalaría e restauración terán prohibido o consumo no interior, e tan só se permitirán as terrazas ao 50 %, cun horario de peche ás 17.00 h. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas. No documento oficial da Xunta de Galicia, establécese o peche temporal de certas actividades consideradas non esenciais, entre as que se atopan as dos locais de ocio nocturno, salas de festas, furanchos ou centros de lecer infantil, entre outras.
O alcalde e o grupo de goberno mantiveron unha xuntanza ao remate da da Consellería, e apelan, máis ca nunca, á responsabilidade colectiva e individual para que se reverta a curva de contaxios e volvamos a unha situación de certa normalidade, como acontecía hai unhas semanas. Así mesmo, a cidadanía deberá seguir cumprindo coas medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias, como son o uso obrigatorio da máscara, o mantemento da distancia interpersoal, o lavado continuado de mans e a utilización de xel hidroalcólico.
O grupo de goberno manterá de novo unha reunión na tarde deste mércores, e irá trasladando á cidadanía todos os acordos e decisións que se vaian adoptando.
O documento completo das restricións podedes descargalo aquí:
Consulta os datos da Covid-19: Datos Coronavirus