Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo para as subvencións culturais e deportivas do ano 2019

  • O Concello repartirá en total 70.000 euros entre asociacións culturais, escolas de música e entidades deportivas
  • As solicitudes deberán presentarse ata o 10 de decembro a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu

O Concello de Bueu abre o prazo para a solicitude das subvencións destinadas a promover e fomentar actividades culturais e escolas de música, así como para entidades deportivas, do ano 2019. O prazo de presentación esténdese ata o 10 de decembro, e en total o Concello investirá 70.000 euros (30.000 euros para colectivos culturais, e 40.000 euros para as deportivas). As solicitudes deberán presentarse unicamente a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu, acompañadas da documentación requirida e que se detallan nas bases, as cales se poden consultar na sección “Axudas e subvencións” da páxina web municipal (https://concellodebueu.gal/axudas-e-subvencions/).

Subvencións culturais

Tal e como se estipula nas bases, haberá dúas liñas de axudas: unha para actividades culturais e outra para o funcionamento das escolas de música. Poderán solicitalas as persoas xurídicas que se atopen inscritas no rexistro de asociacións ou estean en trámites, carecer de fins de lucro, ter o domicilio social e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial de Bueu, realizar actividades de interese cultural no ámbito do municipio, e representar estes o principal eido da asociación, non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas públicas, estar ao corrente das obrigas tributarias, cumprir os requisitos da Lei de Subvencións.

Para a concesión das axudas ás entidades culturais teranse en conta criterios como o impacto e alcance das actividades, o fomento da igualdade entre homes e mulleres, a promoción da lingua galega, a duración do programa e as edicións do mesmo. Para as escolas de música, valorarase o número de alumnado matriculado no curso 2018/2019, o número de docentes, o orzamento da escola de música, e o ámbito de participación do alumnado en eventos.

Subvencións deportivas

No caso das axudas a entidades deportivas, establécense dúas liñas: a primeira para actividades deportivas desenvoltas na tempada 2018/2019 ou no ano 2019, e a outra para gastos de desprazamento dos clubs que participen en competicións federadas de ámbito estatal na tempada 2018/2019 ou no ano 2019. Poderán solicitar as subvencións as asociacións e entidades deportivas validamente constituídas, sen ánimo de lucro, que teñan o seu domicilio social en Bueu e se atopen debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Bueu ou que polo menos teñan feita a solicitude para este Rexistro en data anterior ao remate do prazo para solicitar a subvencións.

Para a concesión das axudas a actividades deportivas teranse en conta o número de equipos federados, o número de fichas federadas e adestradores/as titulados/as. E para a liña dúas, os criterios a valoran son o número de quilómetros percorridos a cada competición.