Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu e a Asociación Érguete poñen en marcha un servizo telefónico de prevención e información sobre adiccións

  • O servizo, que comezará o 16 de novembro, vai dirixido aos mozos e ás mozas da vila
  • O horario de atención será de luns a venres de 8.30 a 15.00 horas, vía whatsapp ou correo electrónico, de forma anónima e confidencial

A concellaría de benestar social de Bueu colabora coa Asociación Érguete, que a partir do 16 de novembro poñerá en marcha un servizo de prevención e información sobre adiccións. Esta iniciativa, dirixida a mozos e mozas bueueses, persegue varios obxectivos, como ofrecer información sobre as diferentes substancias e os efectos derivados do seu consumo, alertar sobre as situacións problemáticas que poden derivar do consumo de drogas e doutras condutas adictivas, así como propoñer os recursos dispoñibles máis próximos.

O recurso, totalmente gratuíto e que conta cunha subvención da Xunta de Galicia, ofrecerá información de luns a venres entre as 8.30 e as 15.00 h a través do enderezo electrónico asociacionergueteprevencion@gmail.com ou no teléfono 634331233 (vía whatsapp). A coordinadora de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, explica que con este servizo “a xente nova de Bueu terá unha ferramenta accesible e segura para poder previr e recibir axuda con problemas de condutas aditivas”.

A Asociación Érguete foi fundada nos anos 80 por un grupo de nais que tiveron que enfrontarse con que os seus fillos e fillas sufrían as consecuencias do narcotráfico en Galicia. Baixo a voz de María Carmen Avendaño, a día de hoxe traballan para fomentar hábitos de vida saudables, xerar oportunidades e prestar servizo a persoas e familias afectadas por condutas aditivas, ou de risco, intervindo no ámbito xurídico, social, preventivo e educativo. Dende hai un tempo organizan obradoiros sobre prevención nos colexios e institutos de Bueu, e tamén levan a cabo outras accións, como a charla que realizaron o pasado ano sobre adicción ás novas tecnoloxías.

Charla impartida pola Asociación Érguete na Sala Amalia Domínguez Búa