O Concello remata as obras de mellora integral do lavadoiro e da fonte do ‘Lago Mansiño’
- As obras neste espazo, situado na parroquia de Beluso, incluíron a reparación dos muros perimetrais que levaban anos derrubados e o encintado
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, visitaron este mércores a fonte e o lavadoiro do Lago Mansiño, situado no lugar de Montemogos, na parroquia de Beluso. O Concello vén de culminar unha actuación integral de mellora deste espazo, que incluíu a reparación dos muros perimetrais que levaban varios anos derrubados e o encintado da fonte e do lavadoiro, e cumpre cunha vella demanda da veciñanza do lugar.
Estas obras foron levadas a cabo polo persoal de cantería e albanelería contratado no marco do Plan de Emprego da Deputación Provincial de Pontevedra, e o obxectivo do goberno local é continuar con esta liña de recuperación e mantemento do patrimonio destes lugares. Por iso, o rexedor tamén aproveitou a visita deste mércores para trasladarse á zona de Xexide, onde se repararán o lavadoiro e a fonte, e ao de Portas, no vial que vai do Outeiro á Barraca.
Juncal salienta que “debemos revalorizar as fontes e lavadoiros como lugares de socialización e de mantemento das nosas tradicións”. Neste senso, destaca que esta liña de traballo xa arrancou o pasado ano coa rehabilitación integral dos lavadoiros do Mieliño, A Graña e o situado no barrio da Banda do Río.