O Concello de Bueu rematará proximamente as obras de ampliación do comedor do CEIP Torre de Cela
O Concello de Bueu confía en rematar nos próximos días as obras de ampliación do comedor do CEIP Plurilingüe Torre de Cela, unha actuación que suporá poder contar con máis de 70 metros cadrados para este servizo e que fora demandado xa no curso pasado por parte da asociación de nais e pais. Así o salientaron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, tras a visita que realizaron este mércores ao lugar, no que se está culminando a obra de acondicionamento do chan. Restarían por acometer os traballos de instalación eléctrica e de fontanería, amais do pintado das paredes.
Con esta actuación, que se levou a cabo maioritariamente por parte do persoal municipal e do Plan de Emprego, permitirase mellorar e cumprir con todas as esixencias dos protocolos Covid-19 e das distancias de seguridade entre o alumnado que faga uso do comedor.
O Concello comezará proximamente coa limpeza e desinfección de todos os centros educativos da vila para que estean nas mellores condicións de cara ao arranque do curso. Así mesmo, implementaranse as medidas necesarias para garantir o cumprimento de todos os protocolos para paliar os efectos desta situación excepcional que estamos a vivir.