O goberno local, satisfeito coa boa resposta á música en directo de xullo que cumpriu cos requisitos legais e de seguridade ante a Covid-19
Remata o mes musical o xoves coa clásica de Son Trío no ‘Música no ar’ da Deputación no Estaleiro e co Micro Son Rías de Arco o venres e de Rayden o sábado na Estacada
A aposta polos concertos ao aire libre baixo as medidas ante o Covid-19 programados pola concellería de Cultura no mes de xullo contaron co respaldo da cidadanía que puido gozar de diversos estilos en diferentes prazas e espazos da vila de xeito seguro ao facerse baixo o paraugas da normativa establecida pola Xunta. A isto hai que engadir o esforzo do goberno por establecer uns protocolos claros para que os locais cumpran tamén á hora de facer actuacións na vía pública que non supoñan un risco para as persoas asistentes, ademais de ser respectuosas coa veciñanza, continuando cunha liña que leva anos implantada e á que tiveron que facer fronte comisións de festas e promotores privados nos últimos anos. Ademais, tamén se apostou por formatos populares nas ruadas de charangas, cantos de taberna, bandas de gaitas e música no entorno dos locais de hostalería durante algunhas mañás e tardes.
Tomando como referencia a actuación de Sés o pasado 15 de xullo con 380 cadeiras e unhas medidas de seguridade que permitiron que se levase a cabo a actuación sen ningún problema, desde Cultura o concelleiro Xosé Leal destaca que “grazas a medidas como o control de aforo e seguridade, a hixiene, o distanciamento e disposición de elementos que marcan tanto a Lei de Espectáculos coma os protocolos ante a pandemia e que se estableceron nos plans de seguridade correspondentes, contamos coas garantías para ter un evento moi seguro para a xente que asistiu á cita”. Nesa mesma semana os espazos públicos do entorno do Centro Social acolleron eventos cun público máis reducido e que tamén contaron coas súas respectivas medidas, como foi o concerto de Arxe ou a verbena con Distrito 7, cuns condicionantes menores polo tivo de evento pero sempre primando a seguranza de músicos e público nuns recintos delimitados para as citas musicais en exclusiva. Precisamente, para Leal os eventos de locais de hostalería que quixeran facer concertos na vía pública deberían tamén contar coas medidas establecidas pola Xunta e que debe velar o Concello polo seu obrigado cumprimento, aínda que recoñece que o goberno tendeu a man coa posibilidade de facer ambientación musical sen amplificación e sen sobrepasar o horario das 00:00 horas como medida intermedia, polo que non entende a polémica suscitada pola presenza da Policia Local nun evento que nin cumpría no da amplificación nin tiña as autorizacións pertinentes para esa actividade pese aos requerimentos previos feitos por parte do goberno.
As actuacións do programa Convida-20 de Son da Rúa na praza Massó, Sheila Patricia no Ramal dos Galos e The Tetas van na Banda do Río son outro exemplo de concertos seguros aos que se sumarán para rematar o mes o de Son Trío este xoves ás 21 horas no estaleiro da Banda do Río dentro do programa da Deputación ‘Música no Ar’, con aforo limitado, e os concertos do Micro Son Rías do venres e do sábado na Estacada.
Luns de agosto
O vindeiro mes a música en directo continuará os luns con Juyma Estévez Trio na Praza Massó o día 3, The Manueles o día 10 no Parque Novas de Beluso, Tino Baz o 17 no Ramal dos Galos, e Alvariza, o 24 no Igrexario en Cela, que se unirán ás verbenas das freguifestas.