O Concello celebrou este martes un pleno para o sorteo da composición das mesas electorais
A corporación municipal do Concello de Bueu celebrou este martes o pleno extraordinario para o sorteo da composición das mesas electorais de cara ás Eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo, no que se trataron outros asuntos. A sesión combinou a fórmula telemática e presencial, e emitiuse en directo a través da canle municipal de Youtube.
O primeiro dos temas que se aprobaron por unanimidade foi o da proposta de implantación do sistema de vídeo actas para as sesións do pleno da corporación. Segundo explicou Xosé Leal, edil de desenvolvemento tecnolóxico, “trátase de mellorar a transparencia do Concello e facilitar o traballo do Departamento de Secretaría para a recollida dos debates e intervencións dos plenos”.
A outra das propostas era relativa á aprobación das bases de execución do orzamento municipal do ano 2020, o cal se aprobará inicialmente na sesión ordinaria aínda que se produciu un erro material que se subsana agora.
De cara ás eleccións, haberá dezaseis mesas nos diversos locais de Sala Amalia Domínguez Búa, Escola Náutico-Pesqueira de Bueu, IES Johán Carballeira, Casa da Cultura, CEIP A Pedra, Casa da Aldea de Meiro, CEIP Torre Cela, Centro Sociocultural de Cela, Escola de Sanamedio, Escola de Cabalo, Casa do Pobo de Beluso, e CEIP Montemogos.
O pleno completo pode verse na canle de Youtube do Concello de Bueu.