O Concello celebrou este venres unha ‘Mesa por Ons’ na que a Xunta de Galicia se comprometeu a respectar os dereitos de acceso da veciñanza
- Os responsables da Xunta de Galicia salientaron que a próxima semana se habilitarán os cambios na plataforma telemática para que apareza claramente un cupo de 800 prazas para illáns e illás, separado do xeral.
- A maiores, e como quedaba claro no acordo de setembro do ano pasado, bloquearanse ata 300 prazas do cupo de visitantes
Despois dunha semana de tensións e preocupación por parte da veciñanza de Ons con motivo das diversas interpretacións da Xunta de Galicia polo acceso a este lugar, o Concello de Bueu convocou a Mesa por Ons, que se celebrou este venres de forma telemática e na que estiveron presentes representantes da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, o alcalde e os voceiros dos grupos municipais da corporación (BNG, ACB, PP e PSOE), amais do Delegado Territorial da Xunta de Galicia e Pontevedra, e do Xefe Territorial de Medio Ambiente.
Nesta xuntanza, que se estendeu preto de dúas horas, os representantes da Xunta trasladaron tranquilidade á veciñanza dado que se vai respectar o acordo do 18 de setembro de 2019 no que se establece un cupo para illáns e illás de 800 persoas en total, ao que habería que engadir, se houbese demanda, un bloqueo de ata 300 prazas do cupo de visitantes. Así, o Xefe Territorial salientou que as medidas se aplicarán na plataforma de cara á próxima semana, aínda que a veciñanza se manifestou moi desconfiada, sobre todo porque se senten aldraxados continuamente pola administración autonómica que os levou a unha semana moi intensa emocionalmente.
María José Pérez, presidenta do colectivo veciñal, manifestou a preocupación porque se cumpra. “Queremos ter garantías e vontade de que se faga o que aquí se di, aínda que botamos en falta que asistisen as persoas que asinaron aquel acordo, concretamente a Conselleira de Medio Ambiente e o Conselleiro de Cultura”, salientou.
O alcalde e o resto da corporación volveron manifestar o apoio incondicional e unánime á reclamación da veciñanza da Illa de Ons que esta semana se pechou no salón de plenos da Casa Consistorial en sinal de protesta ante a confusión xerada pola Xunta de Galicia co sistema de acceso ás súas vivendas. Despois de cinco días, a tarde de hoxe serviu para reconstruír a situación, aínda que o alcalde xa lle avanzou á veciñanza que se agardará á próxima semana para analizar se a Xunta realiza os cambios prometidos. En caso contrario, os voceiros reuniranse antes do pleno do 1 de xuño para valorar o cumprimento do acordo e tomar outras medidas que sigan defendendo os dereitos da veciñanza a acceder ás vivendas e á Illa.
Acto reivindicativo
Antes desta reunión, a veciñanza de Ons organizou un acto reivindicativo na Praza de Concello, no que simularon o enterro dos illáns e illás. O féretro saíu dende o salón de plenos da Casa do Concello, acompañado de música e persoas portando ramos de flores e coroas fúnebres. Unha vez na praza, leuse un manifesto no que a veciñanza deixaba claro que “non cesaremos na nosa loita”.