Os centros educativos teñen ata o 30 de xuño para presentar curtametraxes ao FICBUEU
Ata o 30 de xuño permanece aberto o prazo para presentar obras á Sección Escolas do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá do 11 ao 19 de setembro. As bases, dispoñibles na web do certame, establecen as tres categorías habituais e mais unha nova Sección Escolas Internacionais, dotada con 250 euros en material audiovisual. En canto á Sección Escolas Galegas, o premio será o mesmo para a mellor curta realizada en ciclos formativos e facultades, mentres que no caso do ensino secundario e mais da educación especial, infantil e primaria estará valorado en 150 euros.
Promover os novos valores do audiovisual e recoñecer o gran traballo realizado neste eido polos centros de ensino galegos son os obxectivos deste apartado do FICBUEU. Así, as obras gañadoras proxectaranse na Gala Escolas, que se celebrará o 19 de setembro dentro da 13ª edición do certame e que incluirá a entrega de premios aos centros educativos. A participación activa do alumnado en todas as fases de creación, o emprego dos distintos elementos da linguaxe audiovisual, as cualidades técnicas da obra acordes á idade do equipo e mais a orixinalidade e a creatividade das propostas presentadas serán as principais cuestións a ter en conta polo xurado, integrado por tres profesionais do eido cinematográfico e do ensino.
A temática das obras é libre e a duración máxima está fixada en trinta minutos. Os traballos deberán estar realizados nos cursos 2018/2019 ou 2019/2020 e poderanse inscribir a través do formulario pendurado na web do FICBUEU. Toda a actualidade do festival pódese seguir na páxina www.ficbueu.com e nas redes sociais.