O Concello de Bueu presenta publicamente este xoves o PMUS
- O acto terá lugar ás 12.00 h no salón de plenos da Casa Consistorial e nel poderán participar todas as persoas que o desexen
O salón de plenos da Casa Consistorial de Bueu acollerá o vindeiro xoves, 12 de marzo, a presentación pública do Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS), un documento de vital importancia para os próximos anos e no que se recollerán as iniciativas e mellorar en materia de mobilidade da cidadanía bueuesa, cunha especial atención ao coidado do medio ambiente. Tras a fase de participación cidadá e o traballo de campo dos últimos meses, o xoves ás 12.00 h explicaranse as propostas concretas e as áreas de actuación, por parte da empresa adxudicataria deste servizo, a firma coruñesa Terravanza.
O Plan de Mobilidade Urbana e Sostible (PMUS) está subvencionado pola Deputación Provincial de Pontevedra e conta cun orzamento de 13.303,95 euros. O mesmo suporá un gran avance para determinar os principais problemas e as prioridades de cara a mellorar a mobilidade no municipio morracense. Seguindo coas liñas estratéxicas que o goberno local leva anos impulsando, o PMUS concibirase como o instrumento de referencia á hora de mellorar as redes de comunicación do concello, construíndo espazos para a cidadanía e fomentando unha necesaria sintonía co medio ambiente. Despois desta presentación, o documento remitirase á Deputación para a súa validación de cara á aprobación no pleno.
Dende o goberno quere destacarse a participación dos colectivos, asociacións e empresas que participaron nos diversos encontros sectoriais convocados.