Teatro e cinema para seguir reivindicando unha sociedade igualitaria
- O Concello organiza este sábado pola tarde no Centro Social do Mar dous eventos que axudan a reflexionar dende o feminismo
No marco da programación organizada con motivo do Día Internacional das Mulleres, o Concello de Bueu programará este sábado, 12 de marzo, dúas actividades para seguir concienciando sobre a necesidade da igualdade real entre homes e mulleres. Ás 18 horas está prevista no Centro Social do Mar a obra de teatro infantil “Conversas con Tana”, un espectáculo destinado a nenos e nenas de 5 a 12 anos, que conta a historia dun granxeiro e a súa cadeliña Tana, os cales manteñen unha fluída e divertida conversa na que reflexionan, con humor e sensibilidade, sobre cuestións relacionadas coa igualdade de xénero, o fomento do hábito lector, o coidado e respecto polo medio ambiente, a saúde etc.
A parte audiovisual será tamén moi protagonista este ano, e por iso, coa colaboración do Cineclub Bueu, proxectarase o filme “Hive”, dirixido por Blerta Basholli, que se poderá ver a partir das 20 horas. A cinta parte da historia nunha vila moi unida de Kosovo, na que as familias loitan por chegar a fin de mes, ansiosas por recibir noticias dos maridos, pais e fillos que foron á guerra. Cando as abellas de Fahrije deixan de producir mel, decide sacar o carné de conducir e aventúrase á cidade para vender ajvar caseiro nunha tenda de comestibles local. A súa inxenuidade e ambición poñen a proba aos habitantes dunha vila conservadora por natureza na que seguen vixentes as nocións patriarcais e tradicionais da sociedade. Para poder sobrevivir ten que superar os insultos e os ataques físicos que tratan de impedir por todos os medios que a muller poida valerse por si mesma.
Ámbalas dúas actividades terán entrada de balde ata completar aforo, e con elas búscase achegar a reflexión feminista a diversos sectores da sociedade.