Retrouso celebra o seu 25º aniversario cunha Gala especial e o concerto de Xurxo Fernandes
Este sábado, 10 de agosto de 2024, celébrase a XIX edición do Festival Retrouso, no eirado de Cela (Bueu), a partir das 21 horas. O motivo de recuperar o formato de Festival tras da pandemia é a conmemoración dos 25 anos da Asociación Cultural Retrouso, co gallo do cal a primeira parte do evento será unha Gala especial 25 aniversario, seguida dun concerto do artista folk Xurxo Fernandes, co seu espectáculo “Levaino!”.
Gala especial 25 aniversario
“Está a ser sen dúbida o Festival máis ambicioso e traballado da nosa historia” explicou Débora Pena, mestra de iniciación de baile e tesoureira de Retrouso. “Levamos desde marzo localizando e coordinando a antigos compañeiros e compañeiras da asociación para organizar esta gala, con 4 ensaios separados de baile, 6 de canto e pandeireta e múltiples grupos de Whatsapp, unha tolería”, bromeou Pena.
A gala será hora e media de percorrido polas distintas etapas de Retrouso. Empezando polos bailes de Leonor Rosales, a mestra fundadora do colectivo antes do 2000, e pezas de gaita montadas por Cristian Vilas e temas de canto tradicional preparados por Begoña David e Rubén Bastón nos primeiros anos 2000.
“O reto da gala é contar a nosa historia a través da música”, explica Rubén Bastón, mestre de canto e pandeireta e secretario de Retrouso. “Os asistentes percibirán os cambios de estilo na forma de bailar entre as etapas coreográficas de Leonor Rosales e Margarita Pérez, e despois o cambio a un estilo máis tradicionalista con Miguel Sotelo; e igualmente percibirán a evolución na complexidade dos temas de gaita do paso de Cristian Vilas a Cristóbal Prieto e logo a Pablo Fernández Rial; as montaxes de percusión de Alberto Costas, co traballo de Xulia Feixoo e agora con Miguel Rivas; o nivel logrado en canto e pandeireta na etapa do disco Elelelos, con Guillerme Inácio, seguido de distintas etapas e montaxes con Xela Conde, Andrea Cabanelas e hoxe en día Belén Tievo”. “Son moitos anos, moito traballo, destilado á súa esencia en 20 momentos”, resumiu Bastón.
Máis de 80 bailadores e músicos pasarán por escena para facelo posible. Algúns deles levaban máis de 20 anos sen bailar nin tocar o seu instrumento. “Só por iso, por volver a xuntarnos, está a pagar a pena o esforzo”, concluíu Débora Pena.
Desde o Concello de Bueu apoian e animan á veciñanza a asistir á velada. “Retrouso é un actor cultural clave do concello, é un orgullo acompañalos nesta celebración dos seus 25 anos e facemos e faremos todo o que estea na nosa man para que poidan seguir dinamizando coas súas escolas e os seus espectáculos a formación de baile e música tradicional en Bueu e para toda a comarca do Morrazo”, comentou a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García.
O resto do Festival Retrouso
Ao remate da Gala especial 25 aniversario a festa continuará. Actuará o artista folk Xurxo Fernandes, gran cantante e pandeireteiro acompañado da súa banda para o espectáculo “Levaino!”. “Queriamos ter un fin de festa á altura do aniversario”, explica Rubén Bastón. “Xurxo é un dos grandes artistas do panorama folk galego actual, cun directo con moita forza, nivel e ben animado para o público”.
Tras do seu concerto, como xa é tradición nos eventos de Retrouso, acondicionarase un segundo escenario máis pequeno para seguir a festa en modo “Foliada aberta”, con grupos improvisados subindo ao escenario para fomentar o baile improvisado entre os asistentes como público.
A entrada é de balde e está previsto que haxa bebidas e bocadillos a prezos populares para os asistentes.