Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Boa noite a todas e a todos.
INTRODUCIÓN
Hoxe é un día moi especial para o noso pobo, un día histórico como o son sempre eses días nos que consegues facer realidade certos soños. Este Estaleiro de Purro, situado no corazón deste barrio da Banda do Río onde agora gozamos deste acto, transpórtanos no tempo e convídanos a lembrar para sempre de onde vimos, as nosas orixes. Baixo os nosos pés temos o cause do río e a area sobre a que se cimentou a orixe deste barrio mariñeiro, a BANDA DO RÍO. Unha praia, esta da Banda do Río, que nesa primeira acepción máis urbana do areal, foi obxecto ao longo da historia de certas disputas fomentadas polo seu encanto. Por todo iso, o día de hoxe supón poñer o broche de ouro e que por fin a praia sexa de todos e todas, da veciñanza de Bueu, tal e como no pasado soñaron todas as persoas que sempre defenderon que este espazo tiña que ter un carácter propiamente público. É importante non esquecer as orixes, pois só nelas atopamos os chanzos para seguir camiñando firmes cara adiante e sen dúbidas. 

XÉNESE DO PROXECTO 
O Estaleiro de Purro atópase hoxe máis vivo ca nunca, e por iso quixemos organizar este acto para compartilo con persoas que apreciamos e nas que recoñecemos o valor de todas e cada unha delas, testemuñas dunha ou doutra forma dun proceso moi longo, que comezou xa no 2007 coa creación dunha mesa de diálogo conformada con persoas e colectivos diversos. No marco dese traballo colectivo o Concello asumiu o compromiso firme e decidido de garantir a súa conservación. Foi necesario tras un longo proceso conseguir de diversos organismos, especialmente a concesión por parte de Costas do Estado, tarefa que non foi nada doada. A pesar das enormes dificultades, con esforzo, ilusión e sempre acompañado das persoas, fomos quen de conseguilo. Posteriormente, no 2018, tras o tortuoso camiño anterior, fomos quen de comezar coa primeira fase da rehabilitación, que puidemos levar a cabo co apoio económico das axudas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que tamén financiaron esta segunda fase de musealización rematada nas últimas semanas, e que agardamos poder abrir ao público o máis axiña posible para que todos e todas poidamos coñecer e ter sempre presente esta parte da nosa historia.

Sempre confiamos que, dende o diálogo e a participación entre visións diferentes, fósemos quen de avanzar na consecución do mesmo obxectivo; o importante é a chegada á meta, aínda que os percorridos non sempre sexan os mesmos. 

AGRADECEMENTOS
Nesta longa travesía foron importantes moitas institucións, organismos e persoas, das que non quixera esquecerme neste acto que é tamén un canto á memoria dun pobo, esa memoria das persoas do cotián, as que co seu día, sen ser conscientes sempre, constrúen a nosa historia e nos fan sentir orgullo do que somos. Quixera agradecer á anterior asociación veciñal Santa Ifigenia, á Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, á Coordinadora pola Defensa do Estaleiro de Purro, á Dirección Xeral de Patrimonio na figura de Manuel Chaín, a Costas Pontevedra, con Manuel Conles sempre axudándonos, por contribuír a resolver as diferentes trabas administrativas, a todas as persoas que formaron parte do xurado do concurso de ideas que premiou a proposta chamada “Obra viva” de MRM Arquitectos, aos técnicos municipais, ao Colexio de Arquitectos de Galicia, a Covagonga López, directora do Museo Massó, e á veciñanza da Banda do Río no seu conxunto.

Nesta longa lista de agradecementos merecen unha mención especial dúas persoas. En primeiro lugar, Manolo Purro e á súa familia, por deixarnos este Estaleiro que é coma o embrión do que parte a historia do noso pobo, un legado que é a súa contribución á nosa identidade mariñeira. Manolo Purro foi a man de moitas embarcacións, o depositario da arte dun oficio tradicional que levou a cabo durante décadas neste espazo onde exerceu de mestre carpinteiro de ribeira. 

Manolo Purro lévame a outro agradecemento moi sentido, neste caso a Víctor Domínguez, quen representa mellor ca ninguén ese movemento social non só sensibilizado senón tamén mobilizado que procurou sempre coas súas accións evitar a desaparición deste símbolo da nosa cultura inmaterial e da nosa idiosincrasia. Alma mater da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, e que nos deixou a finais do pasado ano; para este pobo será sempre un baluarte fundamental na defensa do patrimonio que se esvaecía e que el, man a man coa asociación da que formaba parte, quixo legar para as xeracións do presente e do futuro. 

PARTE CENTRAL
Como dicía ao comezo deste acto, hoxe estamos aquí ollando ao mar, cun horizonte que nos leva do pasado cara ao futuro, nun Estaleiro que está considerado como a derradeira carpintería de ribeira viva da ría de Pontevedra, e que é un referente da cultura mariñeira, pero tamén cheirando o salitre que prendeu na nosa alma colectiva, nesta praia da Banda do Río. Unha praia que acadou esta tempada estival, e por primeira vez na historia, o distintivo de Bandeira Azul concedido pola Adeac, un premio para todo un pobo e que refrenda o traballo de recuperación levado ao longo dos últimos quince anos. A ilusión de que este areal fose rexenerado para que o pobo gozase del coas mellores garantías sempre foi unha motivación especial, máis ben unha obsesión. 

Os espazos públicos teñen que ter unha utilidade para a cidadanía, mais tamén nos deben transportar no tempo e lembrarnos de onde vimos. De aí que este Estaleiro entronque con outros espazos que transpiran ese salitre do que falabamos, como o porto pesqueiro de baixura, o Museo Massó, e a próxima Sala Arqueolóxica do Bueu Romano de Pescadoira coa que se poñerá en valor outra parte transcendental da historia da que provimos. 

A rehabilitación deste Estaleiro supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo. Ademais, a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á reivindicación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima, que dende o Concello de Bueu queremos potenciar cada día máis.

ALEGATO Á MEMORIA E PECHE DO ACTO
A memoria, os recordos, o querer recordar, a necesidade e a importancia do coñecemento e de non esquecer. Deberían ser estas as premisas do que somos como persoas, como persoas que vivimos en comunidade, con todo o que esa utopía representa e que, en ocasións, tan pouco temos en consideración.

Non alcanzo a comprender por que esta segue a ser tan cuestionada. Posiblemente, os recordos volverían ser as utopías da nosa infancia, de axente na irrealidade, en que un mundo máis xusto é posible, se volvemos a eses espazos comúns de sentimentos compartidos. Non esquezamos nunca a nosa memoria como pobo. Hoxe supón para min un día para lembrarme de moitas persoas, imaxes e situacións que colapsan a miña memoria. Síntome moi orgulloso e satisfeito por estar hoxe aquí neste acto tan importante e transcendental para Bueu, como alcalde, despois dunha longa travesía na que, en ocasións, os temporais puxeron a proba a nosa capacidade para manter este tesouro a salvo. Con este acto péchase unha etapa caracterizada polo debate en torno á necesidade de conservar este ben tan prezado. Dende hoxe, este Estaleiro representa ao noso pobo, ao noso orgullo e dignidade colectiva, e xa nunca máis será un espazo de división, senón de encontro.

Como tamén defendían a comezos dos anos oitenta dende o Sindicato dos Traballadores do Mar, podo dicir hoxe que a “praia pertence a todo o pobo”, e que tamén o Estaleiro é xa para sempre unha lembranza do que somos.