Os voceiros dos grupos municipais reuníronse este xoves para tratar diversos asuntos
Este xoves, 5 de setembro, os voceiros/as dos grupos municipais da corporación de Bueu reuníronse na Casa Consistorial para debater sobre diversos asuntos de cara ao comezo do curso político. O tema que centrou parte da conversa foi o relativo a unha proposta da Asociación de Veciños e Amigos das Illas Ons para a retirada do apoio da corporación á Declaración da Illa de Ons como Patrimonio da Humanidade. Tal e como salienta o alcalde, Félix Juncal, ao remate da xuntanza, esta moción levarase á próxima sesión plenaria (que seguramente se celebrará o 19 de setembro), aínda que non se predispón o pronunciamento dos diversos grupos nin a súa votación na mesma. Así e todo, desde o goberno local xa adiantan que apoiarán o citado escrito no que se solicita a retirada do apoio á Declaración mentres non se respecten os dereitos e reivindicacións da veciñanza de Ons.
Outro dos temas foi o da convocatoria da mesa de negociación sobre a Banda do Río e da Mesa Local da Sanidade, que terán lugar despois do pleno. No caso da de sanidade, estarán representados os catro grupos da corporación, así como o Centro de Saúde, a Consellería de Sanidade e a Plataforma da Sanidade; e na da Banda do Río, os voceiros dos grupos e representantes da Plataforma de Veciños e da Asociación Veciñal buscarán achegar posturas para unha mellora integral no barrio, proceso que xa se iniciara no anterior mandato.
Foron tamén presentadas por parte do vicealcalde e voceiro de ACB, Julio Villanueva, as alegacións da cidadanía ao Borrador do Regulamento de Participación Cidadá que estivo a exposición pública o pasado mes. Tras isto, os voceiros xa dispoñen das alegacións para o seu estudo, de cara a elaborar a proposta definitiva.
E para rematar, os festivos locais do 2020 quedarán para o 16 de xullo, festividade do Carme, e 11 de novembro, día de San Martiño.