Os voceiros dos grupos municipais de Bueu exixen unha solución inmediata á Xunta de Galicia para a veciñanza de Ons
- Os voceiros dos grupos municipais entregaron un documento nas dependencias da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, no que instan a solucionar este problema en 24 horas e a convocar a Mesa por Ons
- En caso contrario, a corporación acordará retirar o apoio á Declaración do Patrimonio da Humanidade deste espazo
Os voceiros/as dos grupos municipais do Concello de Bueu exixen unha solución inmediata á Xunta de Galicia que garanta o dereito da veciñanza da Illa de Ons a acceder a este espazo sen restricións. Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, voceiro do BNG, Julio Villanueva, voceiro de ACB, Elena Estévez, voceira do PP, e José Manuel Vilas, do PSOE, entregaron este mércores un documento na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra no que exixen unha solución inmediata por parte do ente autonómico, así como a convocatoria urxente dunha Mesa por Ons telemática.
No citado escrito os voceiros instan á resolución deste problema nun máximo de 24 horas pois, en caso contrario, a corporación bueuesa estudará a retirada á Declaración do Patrimonio que a Xunta de Galicia pretende impulsar para o Parque Nacional das Illas Atlánticas no que se engloba Ons.
“Non estamos dispostos a aceptar que o acordo ao que se chegou o 18 de setembro de 2019, froito da mesa de diálogo entre a representación da veciñanza, os membros da corporación municipal, así como da Conselleira de Medio Ambiente e do Conselleiro de Cultura, sexa incumprido e interpretado nun sentido totalmente oposto”. Neste sentido, o alcalde insiste en que o acordo recoñece un cupo para illáns e illás de 800 persoas en total, ao que habería que engadir, se houbese demanda, un bloqueo de ata 300 prazas do cupo de visitantes, tal e como se acordou na mesa de setembro.
O alcalde volve manifestar o apoio incondicional á reclamación da veciñanza da Illa de Ons que estes días iniciou un peche no salón de plenos da Casa Consistorial en sinal de protesta ante a confusión xerada pola Xunta de Galicia co sistema de acceso ás súas vivendas. O rexedor cualifica a actitude da Xunta como “insensata, irresponsable e desleal coas persoas de Ons e co Concello de Bueu”.
Dende a Alcaldía, con motivo das dúbidas xurdidas nos días previos á Semana Santa, remitiuse ás dúas Consellerías, así como á Dirección Xeral de Patrimonio Natural, un escrito aclarando todas e cada unha das cuestións relacionadas con ese acordo consensuado, sen que a día de hoxe se recibise ningunha resposta ao respecto.