Os concellos de Bueu e Ares estreitan lazos arredor do Millo Corvo
- O alcalde e o concelleiro de cultura de Bueu visitaron este xoves o municipio coruñés xunto á Asociación Cultural de Meiro para compartir a experiencia arredor deste produto tradicional
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, visitaron este xoves o Concello de Ares, na compañía de varias persoas integrantes da Asociación Cultural de Meiro, co obxectivo de coñecer e estreitar lazos arredor do millo corvo. No municipio coruñés foron recibidos polo alcalde, Julio Iglesias, e pola Asociación de Santa Catalina de Monfero, e na súa compañía puideron coñecer de primeira man o Mosteiro de Santa Catalina de Monfero que se atopa coas obras de restauración.
Coa visita de onte os rexedores de Bueu devolven a que xa fixera o alcalde de Ares o pasado abril coincidindo co Encontro do Millo Corvo coa que buscan compartir a experiencia arredor deste produto tradicional. Segundo declarou Iglesias, “tiñamos interese en recuperar a semente deste millo para facer un doce que idearon os franciscanos no mosteiro”. No concello de Ares atoparon durante as obras do mosteiro un libro no que se recollía a receita de “Rodas de Santa Catalina”, esa sobremesa que se elaboraba con millo corvo. Mais, como chegou o millo corvo dende Bueu a Ares? A lenda conta que foi un mariño do lugar bueués de Meiro o que levou dúas espigas de agasallo aos monxes do mosteiro para agradecerlles a súa curación. Os monxes plantáronas e comezaron a elaborar ese doce, que é o que agora se pretende recuperar dende o municipio de Ares, e para o que buscan aprender da experiencia da Asociación Cultural de Meiro, que leva moitos anos promovendo e mantendo vivo este produto típico e tradicional. Precisamente, Victoria Martínez, presidenta do colectivo bueués, destaca que “é unha historia moi fermosa a que se agocha tras o millo corvo e a súa vinculación co mosteiro de Ares e por iso estamos nesta visita”. Niso incidiu tamén Félix Juncal, alcalde de Bueu, quen salientou que “é un día importante para Bueu porque continuamos descubrindo máis sobre as nosas orixes e o noso avance como pobo”, e “agardamos manter un intercambio constante co concello de Ares, co desexo de que frutifique en iniciativas para os próximos meses”.
Así pois, o Millo Corvo renacerá de novo en Ares, pois a finalidade da visita é aprender de toda a experiencia para que poidan desenvolver receitas co millo corvo e ao mesmo tempo é un intercambio cultural e de coñecementos.