O Xefe da Policía Local reuniuse cos corpos de seguridade para valorar as medidas Covid-19
O Xefe da Policía Local de Bueu, Benito Pouso, participou este xoves nunha reunión telemática das forzas e corpos de seguridade, na que se deron indicacións para que se incrementen os controis e o cumprimento das medidas de seguridade, con especial atención ao uso da máscara por parte da cidadanía, a vixilancia dos aforos e o mantemento das distancias. Así mesmo, os axentes da policía precintaron as instalacións públicas como as antigas escolas de Sanamedio, Curraces, Cabalo e Meiro, Torrecino de Cela e a Casa da Música, e tamén se prohibe o uso das pistas de As Lagoas, a de Santán, a da Banda do Río, Xistro e o espazo skate park.
O Concello de Bueu comezou hoxe a nova situación en alerta máxima, despois de que se incrementase o número de casos de contaxios da Covid-19 nos últimos días. Neste sentido, o goberno local traslada que “a cidadanía debe manter a calma e actuar con responsabilidade persoal e colectiva”.
A alerta máxima implica que se limitan os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, agás no caso de persoas convivintes en que non se aplicará esta limitación.
Ademais, os establecementos de hostalaría e restauración terán prohibido o consumo no interior, e tan só se permitirán as terrazas ao 50 %, cun horario de peche ás 17.00 h. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.
Todas estas medidas se valorarán de novo o próximo luns na reunión prevista entre responsables da Consellería de Sanidade e o alcalde de Bueu.