O verán escénico para toda a familia comeza o seu periplo na praza Massó cun conto a prol da solidariedade
O cinema dos mércores completa a oferta familiar semanal do Concello para os meses de xullo e agosto
A obra ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’ que A Tropa de Trapo está a representar nos novos concellos que se suman ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade servirá de punto de partida do programa cultural «Bueu Espazo Escénico» que promove o Concello de Bueu coa colaboración do Pontegal da Deputación de Pontevedra e que traerá os martes de xullo e agosto aos espazos públicos da vila teatro para a cativada e as súas familias.
A representación levarase a cabo na praza Massó ás 21:00 h. e está protagonizada por unha nena e un mozo do Congo que se busca a vida vendendo todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese de regatos pequenos. O espectáculo chega a Bueu tras adherirse a vila morracense o pasado ano ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Tras a paréntese da vindeira semana por mor das Festas do Carme, o 23 de xullo o parque do Ramal dos Galos albergará “O avó que saiu da maleta” de Brais das Hortas; o 30 de xullo o exterior do Estaleiro da Banda do Río contará co espectáculo de maxia “Hocus pocus” de Mago Paco; o 6 de agosto de novo a praza Massó será o escenario de “Zona en obras” de Brais das Hortas; o 13 de agosto o parque Novas de Beluso gozará de “Se as árbores falaran” de Iseo a Moura; o 20 de agosto no Ramal dos Galos será o turno de
“Contos da Galicia máxica” de Marta Ortiz; e pecharase o ciclo o 27 de agosto no exterior da Escola do Torrecino de Cela con “A volta cos contos” de María da Pontragha.
O concelleiro de Cultura destaca que esta oferta xa consolidada nos últimos anos con títeres «amplíase en xéneros e a diferentes espazos da vila e ás parroquias de Beluso e Cela «xa que o pasado ano grazas ás Freguifestas creamos no público o hábito de desprazarse por diferentes lugares, facilitando tamén que as familias deses lugares teña acceso á cultura». Neste sentido durante o verán volverán a organizarse as Freguifestas, que tamén levarán a música e os espectáculos infantís a outros lugares como Ermelo, Sanamedio e Ons.
Cinema os mércores na praza Massó
Os mércores estarán adicados ao cinema que no mes de xullo proxectará varios títulos actuais na praza Massó desde as 22:30 horas comezando o día 10 de xullo con “Los vengadores:infinity war”; o día 24 antesala do Día da Patria Galega será o turno das curtametraxes galegas do Fic Bueu; o 31 de xullo será o turno de“Los increíbles 2”. En agosto as proxeccións terán lugar ás 22 horas e serán o día 7 “Isla de perros”; o 14 “La guerra del planeta de los simios”; o 21 “Ralph rompe internet” e rematará o ciclo con “Mary y la flor de la bruja” o día 28.