O pleno de bueu aprobou o plan normativo para este ano
O pleno de bueu aprobou o plan normativo para este ano
Esta ferramenta supón o compromiso do goberno local de actualizar e crear regulamentos e ordenanzas, e vai na liña da aposta pola modernización da administración
O pleno da corporación local de Bueu deu luz verde este luns ao Plan Normativo do Concello para o presente ano 2018, no que se detallan os obxectivos en materia de creación e actualización de regulamentos e ordenanzas. Este instrumento, que vai na liña da aposta pola modernización da administración, servirá para dar maior cobertura á participación cidadá, tal e como se detalla na proposta de alcaldía levada ao pleno, e que foi aprobada con todos os votos a favor e a abstención do grupo ACB-SON.
Coa finalidade de ser o máis transparente, aberto e participativo posible, este plan é idóneo nestes momentos dado que moitas das ordenanzas e regulamentos de máis antigüidade necesitan unha modificación ou derrogación para adaptarse á vixente lexislación autonómica e estatal. Segundo iso, vanse actualizar os regulamentos de participación cidadá (o actual data de 1996), o regulamento orgánico da corporación (o actual aprobouse no 1985), a ordenanza de instalación de terrazas, mesas e cadeiras de hostalaría (a vixente é de 2012). Entre as novas normativas que se impulsarán están o regulamento para a xestión de autorizacións e cesións do uso de locais municipais a entidades cidadás, colectivos e partidos políticos, e o de voluntariado, así como a ordenanza reguladora da administración electrónica.
O Plan establece que con carácter previo á elaboración das correspondentes normas, se realizará unha consulta pública a través do portal web na que se solicitará a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas no ámbito concreto. Aínda que se trata dunha iniciativa normativa para o vixente ano, dende que se pon en marcha ata que se aprobe a publicación e entrada en vigor, pode estenderse ao ano seguinte ao do seu inicio.
Por outra banda, todos os grupos apoiaron unha moción conxunta de rexeitamento á macroárea de Porto Cabral, e a defensa do comercio local, unha demanda da Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU). Tras unha exposición de motivos na que se alertaba do efecto nocivo destas instalacións, acordouse instar á Xunta de Galicia a desenvolver un plan sectorial de equipamentos comerciais en Galicia, co fin de ordenar a oferta comercial e promover a defensa do comercio de proximidade, así como aprobar unha moratoria de dez anos na concesión de licenzas para grandes áreas comerciais, entre outras peticións.
Por último, o pleno aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 481.881,64 €, o primeiro do ano e no que se recollen as facturas que quedaron pendentes de pago do pasado exercicio, sendo a maioría da Mancomunidade e de Gas Natural. A proposta saíu adiante cos votos a favor dos integrantes do BNG, en contra do PSOE, e as abstencións de ACB-SON e do PP.