Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba por unanimidade unha moción para a adhesión ao programa ‘+ Benestar’ da Deputación de Pontevedra

  • A proposta foi presentada polo grupo municipal do PP e incluirá ao Concello de Bueu como entidade colaboradora deste programa de respiro

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns o pleno ordinario do mes de decembro, no cal se aprobou por unanimidade de todos os grupos unha moción presentada polo PP para a adhesión do Concello ao programa “+ Benestar” da Deputación de Pontevedra.

Na proposta acordouse instar ó Goberno Municipal a iniciar os trámites necesarios para solicitar a adhesión do Concello do Bueu no Rexistro de Entidades Colaboradoras da Deputación de Pontevedra a partires do 2025. Segundo explican na proposta dos populares, este programa da Deputación está destinado á organización de actividades en balnearios para persoas pensionistas e xubiladas, e ante a demanda de solicitudes, inclúe dúas características para a concesión de prazas: primeiro para as persoas que precisen dun respiro familiar e o acrediten, e despois, as que residan nas entidades colaboradoras do programa “+ Benestar 2024”.

Xosé Leal, voceiro do BNG e concelleiro de facenda, anunciou o voto favorable e destacou que “agardamos que o funcionamento dos servizos sociais municipais non se vexa afectado”.

O pleno tamén incluíu a ratificación e a proposta da alcaldía de pase á situación de membro non adscrito de Daniel Chapela Durán, logo do abandono do grupo do PP. Desta forma, o grupo dos populares queda composto por seis edís.