Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba por unanimidade un suplemento de crédito para facer fronte ás subvencións culturais e deportivas

  • O importe global é de 128.021,60 € e repartiranse entre as asociacións e os clubs deportivos da vila

A corporación municipal de Bueu celebrou este xoves, 21 de novembro, o pleno extraordinario no que se aprobou por unanimidade un suplemento de crédito por importe de 128.021,60 €, a través do que se poderá fará fronte ao pagamento das subvencións culturais e deportivas, que suman un total de 172.000 €. Segundo explicou Xosé Leal, concelleiro de facenda e subvencións, a cantidade do suplemento correspóndese coa participación do Concello de Bueu nos tributos do Estado e a través desta proposta preténdese solucionar o atraso que se foi acumulando nos dous últimos exercicios nas liñas de subvencións aos clubs deportivos e entidades culturais.

Dende as concellarías de facenda, cultura e deportes xa se mantiveron nos últimos meses reunións cos responsables dos colectivos, nas que se acordou buscar outra fórmula extraordinaria, e de aí que se aproben subvencións nominativas a través das que se agarda normalizar a situación. Será xa nas seguintes anualidades cando se continúe coa convocatoria das liñas de axudas por concorrencia competitiva, tal e como vén sendo habitual.

A memoria e proposta da alcaldía recollen os clubs deportivos e as asociacións culturais e as cantidades que percibirán. A Asociación Ficbueu recibirá 18.000 €; Retrouso, Manxadoira, Banda de Música Artística de Bueu e Comisión de Festas de Bueu, 10.000 € cada unha; a Comisión de Festas de Cabalo, 6.250 €; a Comisión de Festas de Meiro, 4.250 €; o Cineclub Bueu, 2.900 €; a Coral Polifónica de Bueu, a Coral Polifónica de Beluso e a Coral Marusía, 2.400 €; a Asociación Os Galos, 6.000 €; a Asociación Cultural Novos Ventos, 750 €; e a Anpa Alborada, 650 €. En canto aos clubs deportivos, o Bueu Atlético Balonmán percibirá 24.000 €; o Club do Mar Bueu, 15.000 €; a Agrupación Deportiva Fútbol Sala Bueu, a Cultural Deportiva Beluso e o Club Deportivo Bueu, 8.500 € cada un; o Club SIU, 5.000 €; a Escola Fútbol Base Beluso, o Club Buceo Ons, o Club Loita Morrazo, 3.500 € cada un; o Club de Atletismo Corredoiras e o Club Galaicas, 2.000 €; e o Club Xadrez Bueu e o Náutico Beluso, 1.000 €.

Para o cálculo destas cantidades tivéronse en conta unha serie de criterios. Así, o que primeiro se fixo foi calcular unha media aritmética dos tres últimos anos, ademais de buscar o exercicio no que foron máis beneficiados e no que obtiveron maior contía. Por último, nas reunións cos clubs tamén se confirmaron a totalidade dos gastos que poderían xustificar. Con todo ese traballo, en palabras de Xosé Leal, “poñerémonos ao día cos colectivos, aos que trasladamos as desculpas pola demora”.

Elena Estévez, voceira dos populares, anunciou o voto favorable pero botoulle en cara ao executivo o “atraso reiterado nas subvencións dos últimos anos e a deixadez, en vez de traballar para garantir o apoio económico aos colectivos”. O debate foi pechado por Félix Juncal, alcalde da vila, quen refrendou que “con estas axudas resolveremos o retraso de dúas convocatorias e estamos convencidos de iniciar a partir de agora unha nova etapa”.