O pleno de Bueu aproba por unanimidade o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF)
- Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, salientou que “se trata dun servizo básico financiado polo Concello e Xunta de Galicia, cunha pequena achega das persoas usuarias”.
- O Concello investirá arredor de 576.124,47 € por ano e o contrato terá vixencia de dous anos prorrogables, que computará a partir da publicación do anuncio na Plataforma de Licitación do Estado
A corporación local de Bueu aprobou este martes por unanimidade o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nun pleno extraordinario que se celebrou de forma telemática. Tal e como se salienta na proposta da concellaría de benestar social, o Concello investirá un total de 576.124,47 € por ano, e o contrato terá vixencia de dous anos prorrogables, aínda que o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas computará a partir da publicación do anuncio na Plataforma de Licitación do Estado e no Diario Oficial da Unión Europea.
Ana Isabel Otero, edil de benestar social e igualdade, salientou que “varios departamentos municipais estiveron traballando neste expediente para achegar posturas e, por fin, contamos con toda a documentación necesaria para licitalo”, ao tempo que fixo fincapé en que “se trata dun servizo básico financiado polo Concello e a Xunta de Galicia, e unha pequena achega das persoas usuarias”. Pola súa banda, Julio Villanueva, voceiro de ACB, vicealcalde e concelleiro de facenda reivindicou que “a Xunta debería poñer máis orzamento para un servizo que é da súa competencia”, idea que tamén apuntou o voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, e Xosé Leal, voceiro do BNG. O grupo do PP tamén manifestou o seu apoio para que, en palabras da voceira Elena Estévez, “se inicie canto antes este expediente e se preste nas mellores condicións”.
Este servizo comprende a atención no fogar e a participación na xestión das prestacións destinadas a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia como servizo social comunitario básico dun conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando así a súa posible institucionalización.
O Concello, ao carón das persoas máis desfavorecidas
O Servizo de Benestar Social demostrou ao longo deste ano ser máis imprescindible ca nunca, sobre todo porque debeu atender ás persoas e familias afectadas pola crise da Covid-19. Así se desprende dun informe do departamento que dirixe a concelleira Ana Isabel Otero, quen salienta que “o que buscamos no Concello é axudar a todas as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade e requiran axuda puntual e inaprazable como premisa necesaria para realizar un tratamento globalizador”.
Así, durante este ano 2020, as técnicas do departamento apuntan que se concederon un total de 42 axudas de emerxencia social municipal, cun investimento total de 13.277,61 euros, aos que habería que engadir as compras directas realizadas polo Concello durante o período de confinamento a dez familias en situación de vulnerabilidade económica.
Tras o comezo da desescalada comezaron a xestionarse axudas económicas de emerxencia social para familias que viron mermados os seus ingresos por mor da crise sanitaria, concedéndose un total de 20 nas que se incluíron produtos básicos e de alimentación. A esas hai que sumar outras 22 destinadas a facer fronte ao pagamento de recibos, débedas de alugueiro, alimentación, acondicionamento de vivenda, equipamento básico, gastos de atención sanitaria non cubertos polo sistema público de saúde e produtos farmacéuticos.
O informe destaca que, segundo os datos dispoñibles, foron atendidas no departamento 2732 usuarias e usuarios, o que significa un total de 3286 intervencións realizadas durante o ano que remata. Ademais, cómpre salientar a colaboración habitual do Concello con Cáritas e, concretamente na campaña de Nadal, na que a institución municipal entrega un lote de bacallaus e coliflores para repartir entre as persoas máis necesitadas.
Os obxectivos deste programa responden a un proceso que intenta satisfacer, en primeiro lugar, as necesidades básicas (alimentación, vivenda, vestido, medicamentos, etc.), procurar a rehabilitación psicosocial do individuo e, finalmente, axudar á integración social destas persoas. Neste sentido, o goberno destacou onte no pleno a labor levada a cabo polas técnicas do servizo que apostan sempre pola mellora da calidade de vida das persoas.