Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu aproba por unanimidade a modificación da concesión da Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira

  • A corporación celebrou este luns o pleno de outubro no que se gardou un minuto de silencio en memoria de Fadoua Akkar, a muller asasinada no municipio de Moaña vítima de violencia machista

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria correspondente ao mes de outubro, que se iniciou cun minuto de silencio en memoria de Fadoua Akkar, a muller asasinada no municipio de Moaña vítima de violencia machista.

Foi un pleno cun só asunto para o debate, que tivo que ver coa proposta para a aceptación das condicións e prescricións polas que podería autorizarse unha modificación non substancial da concesión para a ocupación con destino ao acondicionamento de nave para centro de deportes náuticos en Pescadoira. Segundo explicou Félix Juncal, alcalde da vila, esta proposta parte da concesión administrativa da Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira que o Concello conseguiu no 2015 e da que se deixaron fóra algunhas superficies, como as dúas ramplas de Pescadoira e Petís. O que pretende esta modificación agora é engadir esas superficies á nave, constando un total de máis de 2000 metros de concesión. Elena Estévez, voceira do PP, avanzou o grupo favorable do seu grupo pero quixo deixar constancia da “deixadez coa que actúa o goberno, e que parece que sempre hai que estar a contrarreloxo, aínda cando este escrito de Costas constaba presentado no Concello xa en xullo”. Finalmente, a proposta aprobouse por unanimidade.

Os demais asuntos eran dacións de conta da alcaldía: notificación do Rexistro da Propiedade de Cangas do Morrazo de cualificación negativa respecto á inscrición do inventario de camiños de titularidade municipal da parroquia de Bueu; dación de conta dos reparos de legalidade formulados pola intervención municipal desde a derradeira sesión ordinaria; e dación de conta das resolucións da alcaldía ditadas desde a derradeira sesión ordinaria do Pleno.