O pleno da corporación de Bueu aproba por unanimidade dúas mocións polas beirarrúas de A Roza e pola musealización do faro de Ons
- As iniciativas abordáronse na sesión deste luns por urxencia e logo de que fosen presentadas por colectivos veciñais
- Tamén saíu adiante, entre outras cuestións, a aprobación definitiva do estudo de detalle do POL-12 da Rúa Nova de Arriba, e a prórroga da segunda anualidade do contrato de servizo de colaboración na xestión tributaria
A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 1 de xullo, o pleno ordinario que arrancou con dúas mocións conxuntas dos tres grupos (BNG, PSOE e PP) en relación coas beirarrúas de A Roza (Beluso) e da musealización do faro de Ons, as cales partiron de iniciativas veciñais e de aí que ao inicio da sesión intervisen algunhas persoas. Logo do malentendido do pleno de xuño, no que a veciñanza da zona de A Roza se interpuxo ante a aprobación dunha moción conxunta que “non tiña en conta as nosas peticións”, onte levouse novamente outra proposta consensuada na que os tres grupos da corporación reclaman á Deputación de Pontevedra a inclusión das beirarrúas no proxecto de mellora do vial EP-1306, tal e como se recollía no acordo plenario do 2009 ao que dende a veciñanza se facía mención. Precisamente, durante a intervención no pleno, José Manuel Torres, en representación dos veciños e veciñas, insistiu en que “nós estaremos vixiantes para que este acordo plenario se cumpra”, e aclarou que “os berros do pleno anterior eran de desesperación porque considerabamos que se ía aprobar algo inxusto e sen contar con nós”.
A seguinte moción foi a relativa á musealización do faro de Ons, que se presentou por parte dos colectivos bueueses Asociación Ecoloxista Anduxía, Asociación das Embarcacións Tradicionais Os Galos e a Asociación Micolóxica e Naturalista Liboreiro. Precisamente, en representación deles interveu Jesús Framil, quen apuntou que “soubemos que o faro de Ons xa está automatizado dende o pasado ano, e consideramos que é un ben patrimonial e dunha gran riqueza cultural que cómpre preservar”. Así mesmo, Framil reclamou que “ante os riscos de que se converta a un uso privado, cremos que nos debemos anticipar, pois é necesario que sexa un sitio público e un referente da nosa historia náutica”. A proposta, que foi aprobada por unanimidade, apoia as demandas dos colectivos Anduxía, Os Galos e Liboreiro, e acorda solicitar á Autoridade Portuaria de Marín a desafección deste faro de cara á súa reconversión nun espazo museístico dos faros. Así mesmo, tamén se trasladará o acordo plenario á Xunta de Galicia para que se comecen cos trámites do faro como museo.
A continuación, e despois destas dúas mocións de urxencia, o pleno continuou cos asuntos previstos na orde do día. Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, foi o encargado de defender e explicar a aprobación definitiva do estudo de detalle relativo ao reaxuste das aliñacións no ámbito do solo urbano non consolidado denominado “POL-12. Rúa Nova de Arriba. Cruce”. Esta proposta é o resultado dos pequenos axustes que houbo que facer no documento logo dos informes sectoriais da AXI, Patrimonio e Deputación de Pontevedra, organismos con afeccións neste espazo, e dando lugar a un documento co que se “se culmina a ordenación neste tramo da parroquia de Beluso”. Por parte do PP interveu María Blanco, quen puxo de manifesto algunhas dúbidas con respecto a este documento, e finalizou declarando que “non podemos apoiar esta proposta sen saber que se pretende; nós non estamos en contra do desenvolvemento urbanístico pero non lle daremos un cheque en branco ao goberno”. Finalmente, a proposta saíu adiante, ao contar cos votos favorables dos grupos do goberno, BNG e PSOE, mentres que o PP se abstivo, e Daniel Chapela, integrante do grupo popular, votou en contra.
Os tres grupos si se mostraron unánimes na aprobación da prórroga da segunda anualidade do contrato do servizo de colaboración na xestión tributaria, censual, inspectora e recadadora e na xestión dos expedientes sancionadores en materia de tráfico.
E xa para rematar, debatéronse outras dúas mocións, unha delas do PP, en relación á actuación de Costas no Paseo de Agrelo, e a outra conxunta de BNG e PSOE e que recollía as demandas do sindicato CIG sobre o emprego digno e a eliminación da precariedade.
Elena Estévez, voceira do PP, defendeu a moción presentada polo seu grupo explicando que “así como o goberno fai con outras administracións, tamén debería esixirlle o mesmo a Costas, e que este organismo se fixese cargo do mantemento dos espazos e dos custes como o caso do Paseo de Agrelo”. Xosé Leal, voceiro do BNG, manifestou o voto en contra do goberno xa que “a actitude de Costas do Estado e Portos de Galicia é diametralmente oposta, pois este último só ten afán recadatorio”. O edil nacionalista deixou claro que “aínda que o trato dun e doutra non teñan nada que ver, nós seguiremos esixindo sempre que se cumpran os compromisos con Bueu, e niso levamos tempo”. Así mesmo, Celso Dopazo, dende a bancada socialista, anunciou o voto en contra “pois o que está en terreo de Costas non se paga mentres que a Portos temos que pagarlle ata por cortar unha rúa no verán”. Esa idea foi refrendada por Félix Juncal, alcalde da vila, quen destacou que “ante a desidia e a apatía de Costas tivemos que acometer unha primeira obra de urxencia e por seguridade no Paseo de Agrelo, pero seguimos insistindo no que levamos facendo moitos anos: a mellora integral do paseo que une as praias de Agrelo e Portomaior, e non imos parar”. A moción finalmente non saíu adiante, pois só contou cos votos favorables do PP, mentres que BNG e PSOE se manifestaron en contra.
O último dos asuntos foi a moción sobre a proposta da CIG na campaña “Stop precariedade, traballo digno”. Entre as peticións están reclamar ao Goberno galego a urxente aprobación dun Plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e servizos públicos na nosa terra, ou instar á aprobación inmediata dun novo Decreto para a recuperación da prevalencia aplicativa dos convenios colectivos e acordos marcos autonómicos de acordo á modificación dos apartados 3 e 4 do artigo 84 que contemplaba o apartado dous do artigo primeiro do Decreto 7/2023, de 19 de decembro. A proposta foi aprobada cos votos do BNG e PSOE, mentres que o PP se abstivo.