O pleno da corporación aproba varias mocións con peticións cidadás
- Entre as propostas estaban, entre outras, a reivindicación sobre a mellora integral da praia de Pescadoira ou a reclamación á Xunta de Galicia sobre as beirarrúas dende Lapamán ata A Torre
A corporación municipal de Bueu celebrou unha nova sesión plenaria e mostrou este luns a súa unión na aprobación de varias mocións que trataban diversos temas demandados pola sociedade e os colectivos da vila. A reivindicación sobre a rexeneración e a mellora integral da praia de Pescadoira, a reclamación dos dereitos da veciñanza polo corte de abastecemento eléctrico, a reclamación á Xunta de Galicia da ampliación das beirarrúas dende Lapamán ata a entrada do cruce de A Torre (Cela) ou a a iniciativa dos familiares dos bueueses falecidos nos campos de exterminio nazi para a colocación de dúas placas Stolpersteine, foron as propostas que se debateron no plenario e que contaron co respaldo de toda a corporación (agás na de Pescadoira, na que o PP mostrou a súa abstención).
A sesión comezou coa moción pola mellora integral da praia de Pescadoira, e nela instábase a Portos de Galicia a levar a cabo unha primeira actuación urxente de revascularización da area mentres non se realice a actuación de rexeneración. Esta moción, que contou cos votos favorables de BNG e PSOE e a abstención do PP, fai referencia á segunda fase da rexeneración da praia de Pescadoira que continúa paralizada. Portos de Galicia anunciara hai dous anos un proxecto co obxectivo de poñerlle freo ao vascularización de area cara a zona oeste, o cal non foi factible polo momento. Moi relacionado con isto, a rampla de acceso ao mar dende a Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira atópase nun estado deplorable e moi perigoso sobre todo para os e as integrantes do Club do Mar Bueu, que baixan as súas embarcacións ao mar, o que supón un perigo constante e mesmo se provocaron lesións e accidentes. O arranxo desta rampla foi solicitado en diversas ocasións polo Concello de Bueu e o Club do Mar, e recentemente adoptouse un acordo plenario da corporación municipal, que a día de hoxe segue sen cumprirse, aínda que Portos de Galicia se comprometese publicamente a acometer unha actuación na mesma.
Xosé Leal, voceiro do BNG, explicou que “é unha moción que se consensuou cos colectivos sociais da vila, caso do Club do Mar Bueu, a Asociación de Amigos das Embarcacións Tradicionais Os Galos e a Asociación Ecoloxista Anduxía, coas que mantivemos encontros e coas que compartimos que é urxente unha maior seguridade na zona, e que teñen que existir melloras e solucións para este areal histórico de Bueu”. Pola súa banda, Elena Estévez, dende o PP, solicitou unha emenda na moción posto que “deberiamos instar a Portos de Galicia pero sen esquecer tamén a Costas do Estado, pois para calquera actuación van facer falta informes deste organismo, e o acordo debería o consenso de ambos organismos para dar unha resposta firme”. Finalmente, a emenda rexeitouse xa que, en palabras de Leal, “non procede, posto que Portos é quen debe facer a actuación e obter tamén todos os permisos necesarios”.
A outra moción, presentada conxuntamente polos grupos do goberno (BNG e PSOE) e que contou co apoio tamén do PP, acordou reclamar que a compañía UFD Distribución atenda as reclamacións realizadas polos usuarios e usuarias, asuma as responsabilidades e leve a cabo as indemnizacións polos danos ocasionados despois dos apagóns eléctricos de novembro e de marzo en diversas zonas da vila. Así mesmo insta á Xunta de Galicia a que realice, a través da Consellería de Industria, unha auditoría das infraestruturas eléctricas deste servizo básico e que, unha vez feito, se adopten as medidas necesarias para que as mesmas estean nas mellores condicións posibles. E por último reivindica á compañía subministradora UFD Distribución a que acometa periodicamente de forma regular o mantemento e conservación das súas infraestruturas, especialmente as liñas eléctricas, tendo en conta que moitas das incidencias se producen polo mal estado das mesmas. Precisamente, o voceiro nacionalista expuxo durante a súa intervención que “xusto a pasada fin de semana houbo un novo apagón eléctrico na zona do polígono e Ermelo, polo que non pode ser que cada vez que cae unha árbore esteamos con problemas eléctricos”.
A continuación foi a quenda da moción conxunta para instar á Xunta de Galicia a ampliar as beirarrúas desde Lapamán ata a entrada do cruce de A Torre, na parroquia de Cela, unha proposta que naceu ao amparo da campaña de recollida de sinaturas por parte da veciñanza da parroquia. O que se pretende con ela é instar á Xunta de Galicia, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través da Axencia Galega de Infraestruturas, a ampliar as beirarrúas nese tramo garantindo a seguridade viaria e a accesibilidade das persoas deses lugares. Así mesmo, demándase que de xeito inmediato e de cara ao verán proceda ao pintado de pasos de peóns, ao reforzo da sinaléctica e á colocación de semáforos se fose posible na entrada da praia de Covelo, na parada de autobús na zona de Sabarigo-Cela e na seguinte parada de autobús da zona de Ardán-Marín.
E xa por último aprobouse a moción conxunta para apoiar a iniciativa dos familiares de José Ferradás Pastoriza e Manuel Rey Cruz, bueueses falecidos nos campos de exterminio nazi Mauthausen- Gusen en 1941 e iniciar os trámites para a colocación de dous Stolpersteine en recordo e memoria das vítimas do franquismo e do nazismo. Con esta iniciativa, que xurdiu ao amparo da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, o Concello de Bueu converteríase no segundo municipio da provincia pontevedresa en contar con estes adoquíns da memoria.