O pleno da corporación aproba por unanimidade instar á Xunta de Galicia a ampliar as beirarrúas entre Rúanova, Vilar e Bon, en Beluso
- A sesión estivo protagonizada por outras mocións conxuntas do goberno local, como a de reclamación a Portos de Galicia do mantemento dos espazos portuarios, ou o rexeitamento aos parques eólicos no Morrazo
- O PP presentou dúas, relativas ao mantemento do Centro Social do Mar e á subministración de internet
- A moción sobre as beirarrúas de A Roza, que ía ser conxunta entre os tres grupos da corporación, foi retirada da orde do día debido á oposición da veciñanza do lugar e asistente á sesión
A corporación municipal de Bueu estreou este luns, 3 de xuño, o horario estival cun pleno que se celebrou ás nove da noite e que se alongou máis de dúas horas. Nel abordáronse varias mocións conxuntas, tamén outras dos grupos do goberno (BNG e PSOE) e do PP. Ademais, unha das propostas, a relativa ás beirarrúas de A Roza foi retirada polos tres grupos municipais dada a intervención e o enfado da veciñanza do lugar que acusaron de “faltar á verdade, pois o proxecto presentado na Deputación non conta con beirarrúas”.
O pleno comezou coa moción presentada polo PP na que se instaba ao goberno local a acometer tarefas de mantemento no Centro Social do Mar, en relación ao que Elena Estévez, voceira popular, explicou que “a situación na que se atopa é preocupante, sobre todo estes últimos meses nos que as chuvias foron persistentes e causaron problemas de humidade e nas instalacións eléctricas”. O debate arrancou con Celso Dopazo, concelleiro socialista, quen acusou ao PP de “presentar unha moción electoralista, pois nós xa estamos facendo o mantemento de acordo ao que podemos”. Nesa mesma liña interveu Xosé Leal, voceiro do BNG, refrendando que “é a instalación na que máis traballos de mantemento levamos a cabo xunto co pavillón”, e aludiu a que “a maioría deles derívanse dos edificios feitos con defectos construtivos e nos que levamos a cabo traballos recorrentes”. Leal enumerou algúns dos arranxos e melloras feitas nesta instalación, como o tratamento da envolvente, os pintados da fachada, o desatoramento das canalizacións, o vernizado e cambio de madeiras, o entarimado das butacas, o mantemento e cambio nos equipos audiovisuais… A proposta non saíu adiante, ao contar soamente cos votos favorables do PP.
A outra das mocións dos populares, que se aprobou por unanimidade, fai fincapé na necesidade de reclamar ás compañías subministradoras que amplíen internet, “pois igual cá enerxía eléctrica, é preciso que se dea o mellor servizo posible de conexión á cidadanía”, destacou Estévez. O voceiro do BNG anunciou o voto favorable porque “aínda que é parte do traballo que fai o goberno municipal, temos que esixirlle ás compañías que acometan os plans de implementación con maior axilidade”.
O debate estendeuse máis na moción presentada polo BNG e PSOE en relación á reclamación a Portos de Galicia para o mantemento e coidado dos espazos portuarios, e na que o PP se abstivo. A proposta enumeraba unha serie de antecedentes que mostran, segundo Xosé Leal, “que a política deste ente é recadar, pois nos últimos catro anos pagamos máis de 134.000 €, así que é hora de dicir basta xa”. Elena Estévez, voceira popular, tomou a palabra a continuación para declarar que “o que tería que facer o goberno é reunirse con Portos e deixarse de notiñas na prensa”. Ademais, Estévez aludiu aos espazos de Costas do Estado e ao mantemento do paseo de Agrelo – Portomaior, acusando ao goberno de que “estades asumindo tamén neste caso uns gastos sobre un espazo do que non sodes competentes, así que nós tamén presentaremos unha moción esixíndolle o mesmo a Costas”.
Celso Dopazo, pola súa banda, lembrou que “cando Portos fai unha obra non teñen que pedir permisos, mentres que cando nós instalamos uns bolardos por seguridade, caso da rúa Montero Ríos, ao día seguinte xa nos chaman a atención, así que nós preguntámonos se fan algo máis que cobrar”.
O alcalde tomou a palabra para lembrar que “neste goberno sempre anteporemos os intereses da veciñanza de Bueu, e defendemos que cada administración ten que facerse cargo das súas obrigas, nin máis nin menos”. A continuación explicou que en canto ao paseo de Agrelo, “o Concello non paga ningunha taxa, ao igual que pola Nave de Deportes Náuticos de Pescadoira, ambas de Costas do Estado, e que polos espazos de Portos si”, pero “dende o Concello actuamos igual e reivindicamos que actúen no que lles corresponde”. Ademais avanzou que o consistorio emprenderá un procedemento xudicial contra Portos, “pois este organismo está acostumado a asoballar aos concellos e xa é hora de reclamar que nós non somos os pagadores de todo”.
A moción contra a instalación de eólicos no Morrazo foi asumida tamén polos grupos do goberno, mentres que o PP se abstivo. Leal, voceiro nacionalista, salientou que “temos que dar cobertura ás peticións da veciñanza e, aínda que non somos contrarios ás enerxías limpas, si que consideramos que hai que facelo cunha planificación axeitada”.
O seguinte dos asuntos era unha moción que instaba á Deputación de Pontevedra a completar os trámites administrativos para acometer o proxecto de beirarrúas de A Roza, en Beluso. Aínda que era unha proposta conxunta, os grupos decidiron retirala da orde do día ante a oposición da veciñanza do lugar, que asistiron ao pleno e interviron neste asunto baixo acusacións de que “se falta á verdade”.
Xa por último, e por unanimidade, saíu adiante a moción para reclamar á Xunta de Galicia a que amplíe as beirarrúas na PO-315, concretamente entre os lugares de Rúanova, Vilar e Bon, unha medida que ten que ver coa mellora da seguridade viaria e de construción de espazos amables para uso peonil. Con esta actuación e coa das beirarrúas de Cela, as dúas parroquias quedarían conectadas co casco urbano con sendas ou beirarrúas polas que circular dunha forma segura a pé.