O pleno da corporación aproba o sorteo das mesas electorais e o recoñecemento extraxudicial de créditos
A corporación municipal do Concello de Bueu celebrou este luns, 13 de maio, o pleno do sorteo das persoas que compoñerán as mesas de cara ás eleccións europeas do 9 de xuño. A sesión tivo lugar ás nove da mañá e tamén incluíu a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos, que foi o primeiro asunto da orde do día, e que contou cos votos favorables do BNG e PSOE e en contra do PP.
Xosé Leal, concelleiro de facenda, subvencións e contratación pública, defendeu que “este recoñecemento, que agardamos que sexa o único deste ano, faise para poder pagar as facturas que quedaron pendentes de servizos do pasado 2023”. O importe destas facturas presentadas ascende a 671.668,32 €, e sobre el interveu a voceira do PP, Elena Estévez, quen anunciou o voto en contra do seu grupo e lle botou en cara ao executivo local “a falta de planificación e que non asuma a culpa de que as cousas son mellorables”, pois “con este expediente demóstrase que non se fai unha xestión marabillosa e que hai que tirarvos das orellas”.
Celso Dopazo, concelleiro socialista e membro do goberno local, salientou que “o noso voto será favorable porque é a nosa responsabilidade pagarlles ás empresas que prestaron servizos ao Concello”.
Pola súa banda, e xa ao remate, o alcalde Félix Juncal remarcou que “para o Concello os gastos incrementáronse nun 50% e os ingresos non porque decidimos non subir as taxas nin os impostos municipais”, ao tempo que fixo un recoñecemento público “aos concelleiros e concelleiras do goberno, pois sen o seu traballo as facturas serían moitas máis”.
En canto ao sorteo, este fíxose de forma telemática en presenza do alcalde, dos concelleiros e concelleiras e de persoal municipal. Haberá dezasete mesas nos diversos locais da Sala de Benestar Social, IES Johan Carballeira, CEIP A Pedra, Centro Social do Mar, Escola Náutico – Pesqueira, Casa da Aldea de Meiro, CEIP Torre Cela, Centro Sociocultural de Igrexario de Cela, Escola de Sanamedio, Escola de Cabalo, Casa do Pobo de Beluso, e CEIP Montemogos.
Durante o pleno deuse lectura dos nomes das persoas seleccionadas e de dúas suplentes, aínda que o sorteo se fixo para un total de catorce suplentes. Nos próximos días remitiranse notificacións ás persoas seleccionadas para formar parte das mesas electorais.