O pleno aprobou o V Plan de Igualdade do Concello de Bueu e a nova ordenanza de terrazas
- Na sesión tamén saíu adiante unha moción sobre a sanidade pública na vila, presentada polo PSOE cunha emenda de BNG e ACB, mentres que a do PP, relativa aos arranxos na Escola de Cabalo, quedou descartada
O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu o pasado luns, 5 de decembro, a sesión plenaria ordinaria na que se aprobaron o V Plan de Igualdade do Concello de Bueu e a nova ordenanza de terrazas, esta de forma inicial, pois publicarase proximamente no BOPPO e abrirase un prazo de alegacións antes da aprobación definitiva.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, foi o encargado de defender a proposta da ordenanza de terrazas, normativa que substitúe á que se aprobara no 2012 e que quedou rapidamente obsoleta ao xurdir novos espazos públicos, como rúas peonís ou o caso da céntrica Praza Massó. “Trátase dunha ordenanza garantista para o espazo público e os diversos usos que se dan nel, tanto no presente como no futuro”, apuntou Villanueva, quen fixo fincapé na rolda de xuntanzas que mantivo o goberno local coa asociación de comerciantes e o sector hostaleiro, e na consulta pública previa que se lanzou á cidadanía en xeral para a presentación de suxestións. Elena Estévez, voceira do PP, interveu na sesión para anunciar a abstención do seu partido, “á agarda de que se presenten suxestións que enriquezan a normativa no prazo de alegacións que se abre tras esta aprobación inicial”. José Manuel Vilas, dende o PSOE, interrogou ao goberno local arredor do papel que se lle deran ás suxestións presentadas na fase previa, mentres que Julio Villanueva, en representación de ACB, apuntou que “esta ordenanza está con Bueu e adáptase ao que a xente pedía, ás diversas sensibilidades”. A proposta aprobouse cos votos favorables dos grupos de goberno, BNG e ACB, e as abstencións de PP e PSOE.
O V Plan de Igualdade do Concello de Bueu para os próximos seis anos contou co voto favorable de todos os grupos, aprobándose por unanimidade. Tal e como defendeu Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, “este plan sitúase na liña dos anteriores, pois sempre tentamos fixar uns obxectivos que cumprimos na súa maioría”. A edil tamén destacou o papel das traballadoras do Centro de Información ás Mulleres (CIM), “que loitan por conseguir a igualdade entre homes e mulleres, coa educación e os colexios como piares fundamentais da acción”. O plan articúlase en base á diagnose de xénero da situación actual da igualdade no municipio, así como ás necesidades e demandas da cidadanía para a consecución dunha igualdade real e efectiva. Na estrutura do documento recóllense oito áreas estratéxicas de intervención cun total de sesenta e dúas medidas de actuación inspiradas no principio de transversalidade.
Pola súa banda, o PSOE presentou unha moción, que se aprobou por unanimidade, para instar á Xunta de Galicia a cubrir as baixas e vacacións do persoal que desempeña as súas funcións no PAC de Bueu, mellorar as condicións do servizo de fisioterapia, incrementando o persoal do mesmo, e ampliar ao Concello de Bueu o servizo de liña directa de autobús que existe entre o Centro Hospitalario de Montecelo e o Concello de Marín. Así mesmo, esta moción foi emendada polos grupos do BNG e ACB, que quixeron ampliala e poñer tamén o foco na situación que se vive no servizo de pediatría da vila, que varios días ao longo das últimas semanas estivo sen persoal.
E, por último, o PP defendeu unha moción na que solicitaba a mellora da Escola Unitaria de Cabalo, na parroquia de Beluso, tendo en conta as diversas convocatorias de subvencións da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. En relación con este tema, Xosé Leal, voceiro do BNG, apuntou que “o Concello conta con múltiples espazos socioculturais nos que se fan acotío labores de mantemento”, e no caso concreto de Cabalo actuouse nos accesos, no parque infantil ou no pintado, “e estamos en contacto cos colectivos que empregan o espazo”. Así mesmo, o alcalde salientou que “o goberno debe ter a liberdade para ir facendo encaixe dos proxectos no marco da súa axenda”. A proposta non saíu adiante, pois obtivo os votos a favor do PP e PSOE e en contra de BNG e ACB.