O IGVS dá audiencia aos propietarios/as dos terreos para presentar alegacións á ampliación do Polígono Industrial de Castiñeiras
- O proxecto pode consultarse na páxina web do IGVS e de forma presencial no Concello de Bueu
O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) comezou a enviar notificacións ás persoas propietarias dos terreos incluídos dentro da futura ampliación do Polígono Industrial de Castiñeiras. Estas cartas informan da aprobación inicial deste proxecto e dan trámite de audiencia aos afectados/as para que descarguen o documento e realicen as alegacións ou correccións.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, sinala que “se trata dun simple trámite, unha notificación normal e corrente” e “será máis adiante, no proxecto de reparcelación cando o papel dos propietarios/as adquira maior protagonismo co reparto da edificabilidade e dos gastos proporcionais á mesma”.
A aprobación inicial do proxecto para ampliar o polígono de Castiñeiras, que nace dende o colectivo Aprointer, tivo lugar a mediados de decembro do pasado ano, momento no que se abriu un período para a solicitude de informes sectoriais a todas as administracións con intereses na zona, como Concello de Bueu, Deputación de Pontevedra, Consellería de Medio Ambiente e Augas de Galicia, entre outros. Unha vez emitidos estes informes aprobaríase o documento provisional. Xa despois da aprobación definitiva, procederíase á realización dos trámites da xestión do solo e o proxecto de urbanización, coa idea de que, se todo vai segundo o previsto, poidan comezar as obras no 2025.
Esta ampliación permitirá duplicar a extensión do parque industrial, con preto de 200.000 metros cadrados distribuídos en catro zonas. A actuación dará cabida a novas empresas e abrirá a posibilidade de albergar outros usos, como dotacionais, turísticos ou de servizos.
A continuación deixamos as ligazóns para a consulta da información:
Ligazón de descarga do expediente completo
Ligazón de descarga da modificación puntual nº1 do plan parcial do Parque Empresarial de Bueu
Ligazón de descarga da modificación puntual nº1 do PXOM de Bueu