O goberno local presentou ante a veciñanza o proxecto de mellora ambiental no Paseo José Solla, entre Agrelo e Portomaior
- Esta actuación, que se levará a cabo con subvencións que acade o Concello, suporá ordenar preto de 800 metros cadrados con criterios de mobilidade sostible e ambiental
- O consistorio xa remitiu a comezos da semana pasada a solicitude de concesión administrativa ao Servizo Provincial de Costas para poder acometer a actuación
O Concello de Bueu promoverá unha actuación de mellora ambiental no Paseo de José Solla, que une as praias de Agrelo e Portomaior, e que é moi transitado pola cidadanía. Así o anunciou o pasado venres, 16 de decembro, Félix Juncal, alcalde da vila, durante a presentación do proxecto entre a cidadanía, que tivo lugar no Centro de Interpretación de Agrelo, e á que acudiron preto de cincuenta persoas, entre veciñanza e representantes de colectivos.
Juncal salientou que “o obxectivo é ofrecer unha imaxe totalmente diferente deste paseo que se usa cada vez máis por parte da veciñanza e das persoas visitantes, e que suporá seguir medrando como vila”. O proxecto suporá ordenar preto de 800 metros cadrados con criterios de mobilidade sostible e ambiental e pretende adaptarse aos tempos que habitamos.
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, foi o encargado de explicar o proxecto elaborado pola consultora Enurcoin a instancias do Concello de Bueu. O proxecto co que conta o executivo bueués está valorado en 1,3 millóns de euros e consistirá na implementación dunha plataforma única con espazos diferenciados para vehículos e peóns nunha franxa, e con prioridade para viandantes e ciclistas, restrinxindo o paso dos coches estritamente necesarios e a unha velocidade reducida. A actuación tamén prevé a instalación dunha grada con vistas ao mar na contorna do Centro de Interpretación de Agrelo, así como a dotación de mobiliario urbano e árbores, de xeito que se magnifique esta gran área de lecer.
O edil apuntou que “esta proposta nace como adaptación á que tiñamos hai máis dunha década, e tras varias reunións de traballo previas co Servizo Provincial de Costas para adaptarnos ás súas esixencias”. Así, con esta actuación “ordenaranse os usos e fomentarase a integración das persoas, o tránsito rodado seguirá existindo pero doutra forma” pois “a figura do peón debe ser primordial para deseñar os espazos urbanos”.
Dende o goberno local destacaron que “o proxecto cumpre ao máximo co que nos indicaron dende Costas, que o que si que nos deixaron claro é que non podemos tocar na zona do areal”. O rexedor apunta que co proxecto se poñerá remedio á deterioración deste espazo apostando pola mellora nos espazos e no mobiliario urbano, “converténdose este lugar noutro referente máis que se suma aos dos últimos anos e que sitúa a Bueu no mapa de concellos vangardistas e nun reflexo das liñas estratéxicas que aprobamos ao longo destes anos, como o PACE ou o PMUS, e con conceptos clave como a enerxía, a mobilidade a accesibilidade”. Por todo iso, a partir do traballo destes meses man a man cos departamentos técnicos de Costas e municipal, o Concello xa avanzou durante a reunión que o proxecto afectará a poucas parcelas privadas.
En definitiva, o proxecto de mellora do Paseo de José Solla poñerá en valor os espazos naturais que coexistirán cos espazos urbanos que se complementan no municipio bueués, co obxectivo de ir adaptándose ás novas realidades que demandan unha mobilidade amable, para o uso e goce deles por parte da cidadanía, e que camiñan na liña das actuacións que se van levar a cabo en Beluso ou na Canceliña, ambos nas esixencias da Rede Ágora.