O FICBUEU traerá a Bueu dúas semanas ateigadas de cinema e actividades
- Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “é un deses proxectos que nos permite compartir e vivir unha experiencia para gozar”
Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, participaron este xoves na rolda de prensa de presentación do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), nun acto que tivo lugar na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e ao que tamén asistiron Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director de AGADIC, e Manuel Pena, Nerea Lores e María Ruiz, codirectores/as do festival.
Juncal aproveitou para reflexionar sobre as oportunidades que ofrece a vila, ao tempo que recalcou que o FICBUEU “é un deses proxectos que nos permite compartir e vivir unha experiencia para gozar”.
No acto, que se puido seguir a través de streaming nas canles da Deputación de Pontevedra dentro da proposta do Rías Baixas Film Fest, as persoas presentes puxeron de manifesto a importancia de recuperar a normalidade dos eventos culturais e afluencia do público aos mesmos.
O director do festival, Manuel Pena, quixo resaltar a importancia de recuperar o aforo completo nun ano especial cheo de novidades, no que a programación do festival pasa ás dúas semanas para dar espazo e tempo ás diferentes actividades, buscando, segundo comentou, “un maior disfrute por parte do público cunha menor carga diaria, sen que isto repercuta na programación”.
Deste xeito, o FICBUEU 2022 estructurarase en tres bloques, cunha primeira semana adicada ás curtametraxes e unha segunda na que se celebrarán o MiniFIC e as I Xornadas Cinematográficas, destacando como unha das principais innovacións desta edición. Sobre as xornadas, Pena explicou que “estas non estarán orientadas á curtametraxe, senón ao cinema en xeral”, buscando “dar unha maior profundidade ao análise e á reflexión sobre a arte do cinema”.
Tras el, tomou a palabra o director de AGADIC, Jacobo Sutil, en representación da Xunta de Galicia, que destacou “a importancia deste tipo de festivais, que posicionan o sector audiovisual galego nun momento moi favorable”. O representante autonómico tamén aproveitou a ocasión para felicitar ao FICBUEU por “coidar tanto a programación e pensar no público” ao ampliar a súa duración, dando a oportunidade aos asistentes de aproveitar a súa visita á vila de Bueu.
En consonancia co anterior, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, enxalzou ao Concello de Bueu, que definiu como “un lugar fermoso no que se aposta pola cultura”, opinando que “é outro dos encantos que ten por ofrecer o FICBUEU”. A mandataria provincial tamén felicitou á organización pola “aposta clara polo cinema, polas curtas e por facer chegar á veciñanza esta programación”. Por último, Silva tamén subliñou “todo o traballo que hai detrás para cumprir coa esixencia das dúas semanas de duración do proxecto”.
A programación completa do FICBUEU pode consultarse aquí. Dentro da mesma, as actividades e proxeccións contan con diferentes modalidades de entrada (de balde, con custo, convite, abonos, etc), que se poden adquirir a través do apartado de tenda da páxina web ou no despacho de billetes a partir do día 5 de setembro.