O Entroido de Bueu reinvéntase cunha programación para todos os públicos
- O Concello propoñerá actividades máis reducidas, en espazos abertos das tres parroquias e adaptadas a todas as esixencias normativas e sanitarias
- O programa, que se estenderá do 26 de febreiro ao 6 de marzo, incluirá actuacións de comparsas, obradoiros para a cativada e festas infantís de disfraces
- Debido á situación sanitaria, o Concello suspende os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña e do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, aínda que haberá unha queima simbólica no peche
O Concello de Bueu, en colaboración coas comparsas e diversas asociacións culturais da vila, organiza este ano un Entroido que se reinventará cunha programación máis reducida do habitual e adaptada ás circunstancias sanitarias, pero cunha especial atención á tradición e que se diversificará por diversos lugares das tres parroquias. Segundo apunta Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e encargada da organización, “ao igual que o ano pasado, debemos actuar con cautela e por iso non podemos celebrar o Entroido como era habitual en Bueu, aínda que acordamos organizar eventos máis pequenos e ao aire libre, tal e como recomendan as autoridades sanitarias”, porque “todos coincidimos en que a cidadanía necesita un pouco da ledicia do Entroido”.
Tal e como xa se avanzou hai uns días, o Concello instalará unha carpa na Praza Massó, entre o 25 de febreiro e o 7 de marzo, na que se programarán as actuacións das comparsas no casco urbano, así como obradoiros para a cativada con actividades e xogos relacionados co Entroido. A iso sumaranse actuacións en lugares como a contorna da Morada, na aldea de Meiro, o Adro de Cela ou o Parque Joe Novas en Beluso.
O programa inaugurarase o sábado 26 de febreiro, cunha actuación de comparsas na Praza Massó, e pola tarde, cunha festa infantil no Adro de Cela organizada coa colaboración da Asociación Cultural Costumes de Cela, seguida dunha actuación de comparsas. Estas actuacións continuarán durante as dúas fins de semana en diversos puntos co obxectivo de dinamizar a actividade festiva e de que a cidadanía poida gozar da música e das tradicionais “letrillas”.
Ademais das persoas adultas, a rapazada será moi protagonista da programación desta edición. Así, o 28 de febreiro e o 1 e 2 de marzo, a carpa da Praza Massó acollerá uns obradoiros infantís de 10.00 a 13.00 horas nos que o artista local Tino Resille ofrecerá xogos e actividades , e elaborarase o recoñecido como “Paxaro de Mal Agoiro”, figura mítica no Entroido bueués.
O sábado 5 de marzo terá lugar unha festa infantil de comparsas na Praza Massó con aforo limitado. A partir das 17.30 horas, a cativada e as familias poderán participar na festa de disfraces na que, por primeira vez, se contará con persoal especializado en necesidades especiais; e con concurso para as categorías de bebés, infantil, xuvenil e familias. E o domingo 6 de marzo culminarán as actividades cun pasarrúas e coa “queima do paxaro” aínda que nun evento máis reducido e sen o tradicional desfile.
En definitiva, un programa que se adapta ás circunstancias e que nace coa colaboración do tecido asociativo da vila que, segundo a concelleira da área, “non quere que se perda a tradición”.