O ‘Concilia Bueu’ celébrase este verán con 120 nenos e nenas participantes
- Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou este xoves os obradoiros que se celebran nas instalacións CEIP Plurilingüe A Pedra e no pavillón
- O programa comezou o 24 de xuño e estenderase ata o 6 de setembro con actividades culturais, artísticas e deportivas
Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, visitou hoxe o “Concilia Bueu”, o programa lúdico cultural e deportivo destinado á cativada que comezou na última semana de xuño e que se estenderá ata a primeira semana de setembro co obxectivo de favorecer tamén a conciliación laboral e familiar durante a tempada estival.
Os diversos obradoiros culturais, artísticos e deportivos estanse a celebrar con normalidade nas instalacións do CEIP Plurilingüe A Pedra infantil e primaria e no Pavillón Municipal Pablo Herbello. Precisamente este ano, con respecto a edicións anteriores, dende o consistorio ampliouse o número de prazas, así como a duración do programa e o horario diario, e incluíuse a posibilidade de comedor.
En total participan 120 nenos e nenas que abranguen ideades dos 3 ao 12 anos e que realizan diversas actividades lúdicas.
O programa, que viña desenvolvéndose anteriormente en xullo e agosto, ampliouse agora en dúas quendas máis, polo que está operativo dende o 24 de xuño ao 6 de setembro, que era unha demanda que as familias realizaban ante as dificultades para conciliar pola ausencia das clases escolares. Ademais, tamén se amplía o horario ata as 15 horas, e existe un servizo de comedor que as familias poden contratar co cátering asignado.