O Concello substituirá máis de 400 luminarias por outras LED cunha subvención do IDAE
- As áreas nas que se vai actuar son as de Montemogos, Pousada, Banda do Río e Pazos Fontenla, e o proxecto está valorado en preto de 200.000 euros
O Concello de Bueu vén de solicitar á Deputación de Pontevedra a adhesión no marco das axudas do Instituto para a Diversificación de Enerxía (IDAE), que van permitir substituír máis de catrocentas luminarias obsoletas das tres parroquias por outras de tipo LED que, segundo salienta o alcalde e a concelleira de medio ambiente, permitirán reducir o consumo eléctrico, ofrecerán unha tecnoloxía máis fiable en canto á conservación e mantemento e minimizarán considerablemente a contaminación lumínica.
Así, o Concello elaborou unha memoria na que se detallan catro áreas estratéxicas nas que se van actuar, que son a zona de Pousada, na parroquia de Cela, e o lugar de Montemogos, en Beluso. Tamén destaca a renovación de puntos de luz en rúas do centro como Pazos Fontenla, Matilde Bares, Johán Carballeira e parte da urbanización das Lagoas; e a das zonas interiores do barrio da Banda do Río, concretamente nas rúas Rosalía de Castro, Francisco Escáneo e Alexandre Bóveda.
Félix Juncal destaca que a área de medio ambiente está a ter moito protagonismo no presente e no futuro inmediato. “Estamos actualmente inmersos na elaboración do Plan de Mobilidade Sostible e na auditoría sobre consumo enerxético no marco do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía”. O rexedor bueués salienta que “a nosa sensibilidade co planeta e coa mellora do clima será cada vez máis forte e destinaremos máis recursos económicos”.
Este proxecto está valorado en preto de 200.000 euros, doa cales o Concello de Bueu e a Deputación deberán achegar o 10%, correspondendo a maioría do financiamento ao IDAE.