O Concello reforza o plan de limpeza e mantemento dos espazos públicos
O Concello de Bueu continúa co plan de limpeza dos espazos públicos municipais e das vías de acceso aos núcleos de poboación das tres parroquias. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “a brigada de obras e servizos leva a cabo os traballos de desbroce nos diversos lugares das tres parroquias, tanto con medios manuais como con maquinaria”. Así, esta semana levouse a cabo unha limpeza das beirarrúas polos lugares parroquia de Cela, entre os cales se atopa a parte alta de Sabarigo que o alcalde visitou este venres. Ademais, tamén se acometeu un adecentamento nas proximidades da PO-551 ao seu paso por Loureiro, uns traballos que asumiu o Concello malia que se trata dunha estrada autonómica.
A semana que vén continuaranse os traballos polo resto de camiños da zona de Loureiro e As Meáns e, cando comece o reforzo cun segundo tractor, levarase a cabo a limpeza nas zonas da Ramorta, Carrasqueira, A Chadiza, Costa do Figueirón, Rúa Nova de Arriba e de Abaixo, Cabalo, e os accesos ás praias de Area de Bon, Mourisca e Tuia, todas elas na parroquia de Beluso. Ademais, tamén está prevista a posta a punto do adro e do parque de Sanamedio, adiadas dende a semana pasada debido ás chuvias.
No casco urbano continúa a limpeza a fondo de beirarrúas a través da técnica do decapado, un sistema que elimina a sucidade incrustada e que resulta máis efectiva que os habituais baldeos con camión cisterna. Concretamente, este contrato con FCC Medio Ambiente, valorado en 10.000 euros, consta de vinte e cinco xornadas para a limpeza das rúas céntricas, como Pazos Fontenla, Montero Ríos, Francisco Escáneo, Alexandre Bóveda, Johán Carballeira, Castelao ou Rosalía de Castro.
Por outra banda, estes días tamén se procedeu a iniciar a plantación de flores temporeiras nos xardíns municipais, concretamente na Praza do Concello, Praza Massó, Pescadoira ou Banda do Río. E tamén se substituíron os bancos de madeira dos Xardíns de María Eugenia, que se atopaban en moi mal estado polo deterioro e ruptura das barras de madeira.